O PP anuncia unha ducia de actuacións de saneamento e infraestruturas na cidade de Pontevedra para os próximos tres anos cun investimento de 66,4 millóns de euros
Sábado, 27 de xaneiro de 2024.
A candidata pontevedresa do PP María Martínez Allegue anunciou unha ducia de actuacións en materia de saneamento, depuración, estradas e infraestruturas para a cidade de Pontevedra a desenvolver nos próximos tres anos cun investimento de 66,4 millóns de euros. A número 3 da lista popular informou destes proxectos nunha visita realizada hoxe ás obras de mellora e humanización da vella estrada de Marín, na que estivo acompañada pola secretaria xeral do PP, Luisa Piñeiro, o tamén candidato de Pontevedra, Guille Juncal e Manuel Santos, de Marín.
“A Xunta de Galicia investíu en Pontevedra, entre todas as consellerías, 240 millóns de euros nos últimos tres anos, con especial protagonismo en estradas e saneamento, e vai seguir con esta liña de aposta pola capital provincial con Alfonso Rueda ao fronte do Goberno galego. Estas actuacións realizadas son coñecidas e moi valoradas polos pontevedreses e vano volver a facer co seu respaldo o próximo 18 de febreiro”, detallou María Martínez que, sen embargo, alertou do risco de que se paralicen todos estes proxectos no caso de que se conforme un multipartito de esquerdas.
“Xa vemos o que pasa en Pontevedra entre PSOE e BNG, que non se poñen de acordo en nada e, por suposto e sobre todo, tampouco en materia de investimentos e infraestruturas, polo que todas estas actuacións impulsadas polo PP desde a Xunta estarían en perigo se chegasen a gobernar, aínda que non cremos que iso pase porque os pontevedreses e os galegos van outorgar a súa confianza maioritaria a Alfonso Rueda”, apostillou.
Entre as actuacións impulsadas polo PP, que se atopan en distinto grao de tramitación ou execución, figuran as seguintes:
- Ampliación da EDAR de Praceres. Orzamentada en 50 millóns de euros e que vén de rematar coa súa tramitación ambiental.
- Adecuación do bombeo de Cocheras. Orzamentada en 3,7 millóns de euros e cuxo proxecto está en redacción.
- Sendas das estradas PO-223 e PO-224 en Xeve. Orzamentadas en 2,1 millóns de euros e que se atopan en execución coa previsión de finalización para mediados do presente ano.
- Mellora da estrada PO-546 nos treitos urbanos de Pontevedra e Estribela. Orzamentada en 410.000 euros e que xa está rematada
- Mellora da estrada PO-546 no treito urbano de Marín. Orzamentada en 1,14 millóns de euros e que foi adxudicada o pasado mes de decembro e que vén de iniciar os seus traballos.
- Mellora da estrada PO-546 entre Mollabao e Praceres. Orzamentada en 6,2 millóns de euros e cuxa obra vaise licitar no primeiro trimestre do presente ano.
- Creación dun aparcadoiro disuasorio en Lourizán. Orzamentado en 350.000 euros e que acaba de iniciar a súa execución.
- Modernización das marquesiñas e das paradas de autobús da cidade. Orzamentada en 1,17 millóns de euros e cuxo proxecto entrará en fase de información pública no primeiro trimestre deste ano.
- Posta en valor da PO-264 en Ponte Sampaio. Orzamentada en 430.000 euros e cuxo proxecto acaba de ser aprobado.
- Mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 entre a PO-310 e a VG-4.8. Orzamentada en 880.000 euros e cuxa fase de información pública se atopa na revisión das alegacións.