O PP amosa en Vigo o seu compromiso para impulsar a reindustrialización e aumentar ata o 20% do PIB o peso da industria española

14, xullo, 23.-

As candidatas ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Irene Garrido e Pepa Pardo visitaron esta mañá as instalacións da empresa Marsans, en Vigo, para amosar o seu compromiso polo sector da automoción. “Sodes motor principal da economía galega e española, e contades con todo noso apoio para seguir xerando riqueza e emprego, pero tamén para reclamar e defender nas dúas cámaras, no Congreso e no Senado, todos os intereses do sector e da provincia, como fixemos sempre”.

Pastor destacou que o PP comprométese coa reindustrialización, e adiantou que impulsarán, coa alianza pola competitividade da industria unha estratexia nacional e un plan estratéxico. É máis, indicou que o obxectivo que se propoñen é aumentar ata o 20% do PIB o peso da industria española. Nesta liña, aseguraron que a reindustrialización é un potente factor de creación de emprego, de innovación e de competitividade, é unha das claves do futuro.

En relación ao sector da automoción, as populares explicaron que no seu programa recollen un plan de automoción España 2030, recuperando a mesa de automoción “que o Goberno socialista abandonou”, con medidas fiscais para adquirir vehículos eléctricos, con axudas para cambiar os coches con máis anos e implantación de infraestruturas de recarga de acceso público.