O PP ALERTA SOBRE A PRECARIA SITUACIÓN DA POLICÍA NACIONAL NA FORMACIÓN EN REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR E DA FALTA DE DESFIBRILADORES NAS COMISARÍAS DA PROVINCIA

Martes, 27 de febreiro de 2024.

Os senadores do PP de Pontevedra, Pepa Pardo, Nidia Arévalo e José Crespo, alertan sobre a precaria situación da Policía Nacional na formación en reanimación cardipulmonar e da falta de desfibriladores nas comisarías da provincia. Os representantes pontevedreses na Cámara alta veñen de rexistrar varias preguntas sobre a situación nas comisarías da Policía Nacional da provincia de Pontevedra.

Os senadores recollen así unha denuncia pública efectuada pola Confederación Española da Policía relativa a que os novos policías das Comisarías de Pontevedra e Villagarcía de Arousa, non reciben a formación presencial para aprender a facer unha reanimación cardiopulmonar (RCP) ou usar un desfibrilador externo automático. Igualmente denuncian que a maioría das Comisarias de Pontevedra carecen de desfibrilador automático.

“É inaceptable que se forme aos nosos axentes da Policía Nacional mediante formación a distancia ou teleformación en algo tan importante como é a formación sanitaria e que pode salvar vidas. Por iso, reclamamos que se dea aos axentes unha formación digna e adecuada para poder prestar os seus servizos en condicións. Formación que, evidentemente, en cuestións tan importantes como as expostas debe ser presencial e non consistir no mero visionado dun vídeo”, reclaman os populares.

Polo tanto, os senadores pontevedreses preguntan no Senado cando ten pensado  o Goberno dotar dos DEA necesarios ás comisarias da provincia, desde cando se dá formación sanitaria a distancia ou telemática aos axentes da Policía Nacional de Pontevedra en materia sanitaria (RCP/DEA) e cales son os cursos que se imparten de maneira non presencial.

Ademais, piden explicacións en base a que se decide non formar presencialmente aos axentes en materia de RCP e no uso de DEA, que criterios seguíronse para que o curso de Reanimación Cardiopulmonar sexa mediante visionado dun vídeo e se considera o Ministro de Interior que esta é un tipo de formación adecuada para os axentes.

Reclaman tamén que o Ministerio do interior dote xa dos medios adecuados ás Comisarías de Policía Nacional da provincia.