O Partido Popular destaca nun encontro con adegueiros da DO Rías Baixas o seu apoio ao sector vitivinícola a través de liñas para o fomento da súa competitividade e modernización

O responsable de Medio Rural do Goberno autonómico e número tres pola lista do Partido Popular en Ourense, José González, acompañado polo alcalde do concello das Neves, Jose Manuel Alfonso, e membros do PP de Pontevedra, reuniuse hoxe esta tarde no municipio pontevedrés con viticultores e adegueiros da Denominación de Orixe Rías Baixas poñer en valor as accións levada a cabo para este sector, así como para reafirmar o apoio ao mesmo.

Neste encontro, celebrado na adega Señorío de Rubiós e no que tamén participou o presidente da DO Rías Baixas, Isidoro Serantes, José Gonzalez resaltou a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, aprobada polo goberno autonómico en 2021, coa que se está traballar co obxectivo de reforzar a posición e competitividade do sector vitivinícola galego nos mercados nacional e internacionais, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sostible.

A estratexia persegue a mellora da gobernanza das comarcas vitivinícolas impulsando a coordinación e cooperación dos axentes do territorio para incrementar a súa capacidade de xeración de valor. Para acadalo, formulouse como unha estratexia coordinada para o conxunto do sector vitivinícola galego, co fin de aproveitar as sinerxías existentes, atendendo ao mesmo tempo as particularidades específicas de cada territorio. 

Apoio á elaboración e comercialización

Outro dos temas abordados neste encontro foron as axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que naúltimas dúas convocatorias sumou un total de 12,3 millóns de euros investidos pola Xunta. 

Ademais, José González resaltou os 9 millóns de euros que se destinarán este ano a potenciar o sector, afondando na colaboración coas DO e con 2 millóns de euros para a promoción dos produtos vitivinícolas en terceiros países. 

O pulo a este sector tamén vén determinado pola calidade dos seus produtos, sinalou, amparados polos selos de calidade das DO e as IXP. Na liña de protexer esas producións, aprobouse a Lei da calidade alimentaria, que entrou en vigor o pasado 7 de febreiro, co obxecto de asegurar a calidade dos produtos alimentarios, en defensa da lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como dos consumidores.

Incremento da superficie produtiva

Por outra banda, José González tamén puxo de relevo a ampliación de superficie produtiva na que se está a traballar e na que serán claves os polígonos agroforestais, ferramentas incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Os proxectos de Arbo e Crecente, que suman unhas 91 hectáreas de terreos, terán como orientación principal a produción vitivinícola, dentro de terreos da DO Rías Baixas. 

Por último, e destacando a importancia do traballo que desempeñan os consellos reguladores, José González reafirmou que manterán o seu apoio de colaboración con estas entidades para funcionamento e para desempeñar o seu labor. Neste mesmo ano, trasladóuselle a importancia de contratar seguros agrarios -que contan cunha liña de axudas de 8,5 millóns de euros neste 2024-, buscando a súa cooperación dentro do obxectivo de acadar o aseguramento da totalidade do territorio das denominacións de orixe, algo que está recollido na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.