O grupo provincial do PP da Deputación de Pontevedra presenta unha moción en defensa da Constitución ante o ataque ao Estado de Dereito e a democracia que está sufrindo España
Xoves, 16 de novembro de 2023
O grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra vén de presentar unha moción en defensa da Constitución española, ante o ataque ao Estado de Dereito e a democracia que está sufrindo España. “Só pola soberbia e as ansias de manter a cadeira que ten Pedro Sánchez”, indicou Jorge Cubela.
O vindeiro luns haberá un pleno para votar unha moción en “defensa da Constitución Española, a igualdade dos españois e o respecto ao estado de dereito e á democracia”, onde os populares apoiarán a moción, amosando así a súa firme adhesión á Constitución española de 1978 que hoxe segue plenamente vixente e que mantén viva a unidade de España, a monarquía parlamentaria, a separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial e proclama a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo no noso país.
“Pedro Sánchez cambia os votos que necesita para ser presidente do Goberno por máis de 15.000 millóns de euros dos impostos de todos os españois. Un prezo que pagarán todos e que vai converter aos españois en cidadáns de primeira e de segunda porque o que se condone aos independentistas, implicará unha diminución nos servizos públicos”, indicou o voceiro popular, Jorge Cubela.
“O pasado 9 de novembro os españois tivemos coñecemento do ataque máis grave ao Estado de Dereito na nosa democracia, un acordo do PSOE cos independentistas cataláns para investir ao candidato Sánchez como presidente do Goberno. Un acordo que profana a Constitución que fomos capaces de construír entre todos en 1978”, lamentou Cubela.
Os populares consideran que os españois non teñen por que asumir esta humillación de estar vendo como o candidato para presidir o Goberno de España estase rendendo ante os desexos dos independentistas.
Jorge Cubela lamentou que se estea quebrando a igualdade dos españois ante a lei e dinamitando os cimentos da separación de poderes ante a carta branca de Sánchez aos independentistas para romper España. Vendeu a España outorgando unha amnistía que anulará xurídica e politicamente a actuación do propio Estado en defensa dos dereitos e liberdades de todos ante o intento de quebra da convivencia no noso país.
“Pedro Sánchez está traspasando liñas vermellas e non o imos consentir. As súas decisións están provocando a indignación e a vergoña dun país entero con decisións inaceptables, inexplicables e moi difíciles de dixerir por parte de todos os españois”, concluíu Cubela.