O Grupo Popular da Deputación de Pontevedra vén de presentar unha moción contra a Lei de Amnistía que pretende aprobar Pedro Sánchez
Pontevedra, 22 de setembro de 2023.
O Grupo Popular da Deputación de Pontevedra vén de rexistrar unha moción contra a tramitación da Lei de Amnistía que pretende aprobar o presidente en función, Pedro Sánchez. O PP insta a todos os grupos políticos a rexeitar calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera que sexa o seu delito.
O voceiro e deputado provincial do Grupo Popular, Jorge Cubela, indicou que “é completamente intolerable que Pedro Sánchez, nun intento desesperado por conservar a Presidencia do Goberno, tenta que se poida tramitar a amnistía como proposición de Lei, o que ademais de supoñer unha incostitucionalidade, tenta evitar os controis de legalidade do CGPJ, a Fiscalía e o Consello de Estado”
Cubela fixo especial fincapé en que non todo vale: “Non podemos consentir que Sánchez siga adiante con esta aberración. O prezo da presidencia non é exculpar centenares de delitos e ademais deslexitimar o Estado de Dereito, branqueando a lexitimidade da sedición. Non todo vale porque estamos falando dos procesados polo referendo ilegal de 2017, en ocasións por feitos de violencia extrema”.
Os populares lembraron que Carles Puigdemont condicionou a gobernabilidade de España a, entre outras cuestións, a aprobación desta Lei de Amnistía que favoreza aos procesados e iso é completamente inadmisible.
“Nunha democracia europea consolidada, como é a española, unha amnistía, atenta contra algúns dos principios básicos do Estado de Dereito como son a exclusividade do poder xudicial para xulgar e facer executar o xulgado, a igualdade na aplicación da lei e a seguridade xurídica”, detallou Cubela.
O voceiro do PP provincial engadiu que “nin o lexislador nin o poder executivo poden arrogarse a facultade de declarar inmune a un grupo de persoas, borrar os seus delitos e mesmo evitar que sexan xulgados como calquera outro cidadán. Todo iso ademais mentres que tanto o Tribunal de Xustiza da UE como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos teñen pendente resolucións referidas á cuestión, sobre a que se expón a posible amnistía e que afectan a España”.
Cómpre lembrar que en 2017 produciuse un intento de insurrección por parte dos poderes públicos de Cataluña contra a orde Constitucional. A reacción do Estado de Dereito foi a aplicación do artigo 155 da Constitución e a posta en marcha dos instrumentos penais contra os seus impulsores.
O Tribunal Supremo condenou aos seus principais líderes a penas de entre 9 e 13 anos por sedición e malversación. Algúns dos seus principais responsables fuxiron ao estranxeiro. Desde entón tratan de evitar a acción dos Tribunais españois e europeos.
Non foi o único que o fixo. Cabe lembrar que Pedro Sánchez e ministros do seu Goberno como Juan Carlos Campo, Fernando Grande-Marlaska e Carmen Calvo, entre outros moitos dirixentes socialistas, afirmaron no pasado a inconstitucionalidade dunha posible amnistía.