O Grupo Popular da Deputación de Pontevedra presenta unha moción reclamando ao Estado que aboe de maneira inmediata as axudas do IDEA e do EDUSI

Pontevedra, 22 de novembro de 2023.

O Grupo Popular da Deputación de Pontevedra presentará unha moción reclamando ao Estado que aboe de maneira inmediata as axudas do IDEA e do programa EDUSI aos concellos pontevedreses aos que se lles deben contías millonarias polo desenvolvemento destes proxectos malia que están rematados, en moitos casos, desde mediados do ano 2022.

Segundo indicou o voceiro popular, Jorge Cubela, para cumprir cos anticipos e cos pagos ás empresas executoras destes traballos, algúns destes concellos víronse obrigados a pedir créditos para cumprir coas súas obrigas e teñen que asumir un sobrecuste polo abono dos correspondentes xuros.

Esta situación está a motivar un grave prexuízo ás economías dos concellos, xa que vense obrigados a anticipar os cartos cos problemas que conlevan nos seus balances económicos, nos remanentes de tesourería e no cumprimento da estabilidade orzamentaria.

Este retraso nos pagos aos concellos por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e  Axenda Urbana está ocasionando graves tensións de tesourería nos concellos. “Consideramos inadmisible que o Goberno de España, que é quen esixe aos concellos a necesidade da estabilidade orzamentaria, sexa o responsable dunha xestión económica na tramitación dos fondos europeos que provoca que os municipios non poidan cumprir con esta regra”, lamentou Cubela

Entre eles, destacan especialmente os proxectos de renovación e modernización do alumeado público exterior en concellos como A Estrada, con 6 millóns pendentes de cobro do IDAE; Ponteareas, con 3 millóns; Lalín, con máis de 4 millóns; Moaña, con 1,4 millóns; ou Cangas do Morrazo, con 3,4 millóns, por citar só os de maior contía. “Estamos falando de moitos cartos que teñen que adiantar os concellos pola mala xestión do Goberno central”, lamentou o voceiro popular

Programa EDUSI

Na mesma liña, atópase o cronograma de pago das subvencións para as estratexias urbanas do programa EDUSI, do que tamén se deben centos de miles de euros a concellos da nosa provincia co mesmo prexuízo que no caso anterior.

Segundo os datos recabados, a transferencia destas axudas aos concellos oscila entre os 15 e os 18 meses despois da correspondente xustificación e certificación, o que segundo explicou Jorge Cubela á un prazo altamente excesivo. Cabe resaltar que algún concello que ten as obras finalizadas dende o verán de 2022, recibiu información do Ministerio para la Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico de que as súas axudas non serán abonadas ata finais do ano 2024 ou comezos de 2025, é dicir, estamos a falar duns adiamentos que oscilarán entre os 28 e 34 meses de cumprirse o prazo do Ministerio.

Jorge Cubela indicou que é intolerable que os concellos teñan que aguantar esta situación de tensión económica nas arcas municipais, xa que pode prexudicar gravemente o peche de ata tres exercicios económicos.

“É inadmisible que os concellos teñan que recorrer a pedir créditos para ir afrontando pagos que se poderían facer con estas obrigas recoñecidas de terse satisfeito en tempo e forma”, concluíu Cubela.