O conselleiro de Sanidade informou á veciñanza de Mondariz da toma de posesión en marzo dun pediatra con praza fixa

Mondariz, 11 de febreiro de 2024.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o portavoz municipal do PP de Mondariz, Pablo Barcia, mantiveron un encontro no concello coa veciñanza de Mondariz para informar da toma de posesión no mes de marzo dun pediatra con praza fixa, que permitirá manter a este profesional, como na actualidade, de xeito compartido co Concello de Covelo, logo da resolución dun concurso de méritos para prazas sanitarias de difícil cobertura que se resolverá nos vindeiros días, pois xa foron asignadas as puntuacións e os aspirantes seleccionados están mo prazo de elección de praza.

Esta convocatoria de 60 prazas de pediatría de atención primaria, que inclúe a de Mondariz, foi anunciada en febreiro de 2023 polo presidente Rueda e realizouse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada  no Parlamento de Galicia co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición. García Comesaña lamentou a postura de PSdeG e BNG lembrando que, “se por eles fora, este proceso e cubrir esta praza non sería unha realidade” e criticounos por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario cando os seus partidos votan en contra das solucións.