Millán Mon asegura en Caldas de Reis que as Eleccións Europeas son “cruciais” para que haxa un reparto de fondos xusto e unhas políticas rurais axeitadas para Galicia

Luns, 27 de maio de 2024.

O eurodeputado e candidato do PP nas Eleccións Europeas Francisco Millán Mon afirmou hoxe en Caldas de Reis que os comicios do 9 de xuño son moi importantes para a Unión Europea, pero tamén para Galicia e para España, subliñando aspectos cruciais para o seu benestar como a agricultura e gandeiría, industria, infraestruturas, transporte, enerxía, pesca, financiamento ou comercio exterior.

Neste senso, Millán Mon pediu unha alta participación e trasladou a súa esperanza de que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos nas urnas, como nas autonómicas deste ano e as xerais de xullo do ano pasado. Ao respecto, reclamou un “voto masivo” para os populares como mellor garantía para a defensa dos intereses de Galicia.

“É unha oportunidade para todos os galegos, e tamén para todos os españois, de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa. Pido o voto para que haxa unha repartición xusta dos fondos europeos entre as comunidades autónomas e pido o voto tamén para poder seguir loitando por unhas políticas xustas para o noso rural, que é algo imprescindible para o futuro dun concello como Caldas de Reis”, concluíu o político pontevedrés.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, aproveitou a súa intervención para pedir “un novo esforzo” nestas dúas semanas co obxectivo de que o partido obteña “outra rotunda vitoria electoral e peche do mellor xeito o exitoso ciclo electoral do último ano” e tamén porque “como todo o mundo sabe, o PP é o único partido que realmente se ocupa e se preocupa por Caldas de Reis e por Galicia fronte ao constante castigo, maltrato e discriminación ao que nos somete o PSOE e ás receitas trasnoitadas e decimonónicas do BNG”.

Finalmente, o voceiro municipal do PP de Caldas, Fernando Pérez, convidou aos veciños a manter o seu elevado nivel de apoio aos populares “cun respaldo que sexa, como mínimo, o das últimas eleccións municipais, nas que obtivemos un clarísimo trunfo con máis do 47% das papeletas”.