Luisa Piñeiro: “Queremos un presidente do Goberno que coñece ben a nosa provincia, cada un dos nosos concellos e cales son as nosas necesidades e demandas”

11, xullo, 23.-

A secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Luisa Piñeiro, pediu esta tarde en Redondela o voto para a única persoa e o único partido que a partir do 23 de xullo pode garantir un cambio en España. “Nin en Galicia nin nesta provincia necesitamos explicar quen é e que representa Núñez Feijóo, un presidente que practica o sentidiño, o rigor, un presidente con gran experiencia, cuxa xestión ao fronte da Xunta de Galicia foi avalada con catro maiorías absolutas”, subliñou durante o mitin que se celebrou na Alameda Castelao e no que participaron a número 1 da provincia ao Congreso, Ana Pastor, e o presidente local, Javier Bas.

Piñeiro recordou que “de Feijóo coñecemos ben a súa capacidade para resolver os problemas da cidadanía” e por iso, dixo, “o que queremos o 23 de xullo é un presidente que coñece ben a nosa provincia, cada un dos nosos concellos e cales son as nosas necesidades e demandas. Porque si Feijóo goberna a partir do 23 de xullo, gaña Pontevedra, gaña Redondela e gañamos todos”.

Para conseguir esa maioría contundente que permita que haxa un Goberno do Partido Popular, pediu “que todas as persoas que queren que as cousas cambien voten a Núñez Feijóo. O 23 de xullo a papeleta do Partido Popular é un si ao cambio e dicir adeus ao sanchismo. Calquera outro voto, sexa a quen sexa, é manter catro anos máis a un Goberno que desprezou por sistema a Galicia e á nosa provincia”. Pola contra, destacou que o modelo do Partido Popular está claro:  menos impostos, máis emprego, máis e mellores servizos públicos e maior crecemento económico. “É un modelo que funciona e que se leva aplicando en Galicia desde 2009 e que, a partir do 23 de xullo, temos a oportunidade de trasladar a todo o país. Un modelo con sentidiño, con rigor, con estabilidade, confianza…”.

Pola súa banda, Ana Pastor enumerou un por un todos os agravios do Goberno de Pedro Sánchez a Redondela durante esta lexislatura. Así, recordou que rexeitaron todas as emendas que o PP presentou aos orzamentos xerais do Estado, entre as que se incluían a nova comisaría distrito de Vigo-Redondela; incrementar a partida destinada ao Corredor Noroeste Renovación Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense, “que resultaba claramente insuficiente”; a apertura dunha saída da AP-9 en Torres de Padín; a supresión da peaxe, “aínda que o Goberno de España asumiu o compromiso de eliminala”; a mellora da seguridade viaria nas estradas N-555 entre Redondela e o Aeroporto de Vigo, na N-552 ao seu paso por Chapela ou na N-550 no acceso a Arcade desde Redondela; a construción da rotonda na N-550 nos Valos; a segunda fase da vía verde entre Chapela e Rande; a construción dunha senda peonil no viaducto de Redondela ou a rexeneración da praia de Cesantes, entre outros proxectos.

“Quedan doce días para facer o camiño en Galicia e en toda España: en cada parroquia, en cada pobo, en cada cidade. Temos doce días para tinguir España de azul e conseguir o cambio que merece este país”, concluíu.