Luisa Piñeiro pídelle aos veciños de Caldas un “apoio masivo” a Alfonso Rueda para que se manteña o alto ritmo de investimentos tras investir 22,4 millóns na derradeira lexislatura

Luns, 12 de febreiro de 2024.

A secretaria xeral do PP Provincial de Pontevedra, Luisa Piñeiro, pediulle publicamente á veciñanza de Caldas de Reis que preste un “apoio masivo” a Alfonso Rueda nas eleccións do 18 de febreiro para que revalide a presidencia de Xunta “e se manteña, con toda a potencia, o elevado rimo de investimentos” que se están a acometer no Concello desde o Goberno galego, cifrados en 22.465.688 euros na derradeira lexislatura.

“Os veciños de Caldas teñen que elixir entre un presidente como Alfonso Rueda e un partido que ten sensibilidade e cumpre coas demandas deste municipio ou un multipartito de esquerdas que, como ben sabedes polo goberno local que hai en Caldas, funciona sempre mal e non atende as necesidades dos caldenses”, sinalou Luisa Piñeiro durante un paseo pola vila no que estivo acompañada do voceiro e candidato, Fernando Pérez e a candidata pontevedresa María Martínez.

A secretaria xeral especificou,que o compromiso do PP desde a Xunta con Caldas de Reis materializouse na derradeira lexislatura en investimentos “por máis de 5,5 millóns de euros anuais polo aposta de Alfonso Rueda por este concello, o que se traduce nunha elevadísima media de 570 euros por habitante e ano”. Por elo, e dado que ritmo de investimentos é claramente crecente, Luisa Piñeiro garantíu que un goberno galego encabezado de novo polo PP incrementará esta contía no vindeiro mandato 2024-2028 “para atender as necesidades de Caldas, favorecer o seu desenvolvemento e mellorar aínda máis a calidade vida dos caldenses”.

Pola súa banda, Fernando Pérez augurou a chegada dunha “lexislatura histórica en materia de investimentos” para Caldas de Reis se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta, xa que o PP vai desenvolver no vindeiro mandato a demandada ampliación e modernización do IES Aquis Celenis e do comedor do colexio Alfonso VII cuns 6 millóns de euros e realizará unha “aposta millonaria” polo novo centro de saúde cuxa contía coñecerase tras a redacción o proxecto, entre moitas outras actuacións.

“O centro de saúde xa tiña que estar en obras pero o goberno local tardou nove meses en asinar o convenio que lle mandou a Xunta e ademais aínda non fixo os deberes xa que non ten garantidos os accesos ao futuro punto médico, o que tamén é unha boa mostra do que lle poder agardar a Galicia e a Caldas se o ineficiente goberno local se reproduce na Xunta”, sinalou o candidato caldense, que alertou do “risco de parálise” destas obras cun multipartito de esquerdas.

Finalmente, Fernando Pérez lembrou que o PP “é o único partido que aposta por Caldas, tamén coas persoas, xa que somos a única formación que leva un candidato deste concello nas súas listas e para min é unha honra volver a tomar parte da lista encabezada por Alfonso Rueda”.