Luis López pide aos veciños de Ponte Caldelas un “apoio masivo” a Alfonso Rueda tras destacar a aposta do PP, con 13,8 millóns de euros en investimentos desde a Xunta

Luns, 5 de febreiro de 2024.

O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, solicitoulles esta mañá aos veciños de Ponte Caldelas un “apoio masivo” a Alfonso Rueda e ao Partido Popular nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, “xa que, sen dúbida, somos a mellor opción para manter as elevadas cifras de investimentos que se realizaron desde a Xunta durante estes catro anos”.

Luis López lembrou que o compromiso do PP con Ponte Caldelas “é medible e non opinable”, xa que cifrou os investimentos da Xunta nesta lexislatura en 13,8 millóns de euros en infraestruturas, achegas municipais para obras e servizos e axudas para actuacións nos sectores da empresa, o comercio, a hostalería e o sector agrogandeiro. Ademais, garantíu que, en caso de que o PP revalide o Goberno galego, vaise superar esta alta cifra de investimentos, “que se sitou nunha media de 3,45 millóns de euros por ano e rebasou os 500 euros por habitante cada exercicio”.

O presidente provincial participou, nesta cuarta xornada de campaña, nun percorrido pola feira de Ponte Caldelas xunto á secretaria provincial, Luisa Piñeiro; a candidata pontevedresa María Martínez; o membro do comité de campaña e delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o voceiro municipal, Antón Xil; e outros membros do PP local.

“O noso presidente coñece perfectamente Ponte Caldelas, un concello que visita asiduamente desde hai moitísimos anos, e ten unha sensibilidade especial por esta terra e polas demandas e necesidades dos seus veciños, non en van pertence á súa comarca das Terras de Pontevedra. Polo tanto, e co aval dos elevados investimentos que Alfonso Rueda impulsou desde a Xunta en Ponte Caldelas ao longo destes catro anos e garantía de que vai seguir atendendo a este concello como se merece, creo que é a mellor opción para os veciños do val do río Verdugo fronte a un posible multipartito de esquerdas que sempre abandona por completo aos concellos do rural e do interior, xa que teñen as súas preferencias e intereses noutros territorios”, aseverou Luis López.