Luis López esíxelle ao Goberno de España “compromiso e celeridade” cos investimentos en Stellantis e na automoción da provincia

Mércores, 27 de setembro de 2023.-

O presidente do PP provincial de Pontevedra, Luis López, valorou esta mañá os “constantes retrasos e incumprimentos” do Goberno central coa factoría viguesa de Stellantis –a 1ª fábrica automobilística de España e do sur de Europa– e co sector da automoción galega e esixiulle “compromiso e celeridade” cos investimentos, programas e plans a prol desta industria e deste importante ramo económico da provincia.

O mandatario popular quixo lamentar esta situación e reclamar “solucións inmediatas” co gallo do previsible apoio do Goberno central ao proxecto da nova xigafactoría de baterías de ion-litio para coches eléctricos en Zaragoza despois de que se confirmaran investimentos similares en Valencia, Extremadura e Valladolid.

Luis López lembrou que Stellantis estaba interesada, no seu día, neste proxecto para Galicia, xa que foi abordado polo seu máximo responsable, Carlos Tavares, co anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “pero todo apunta a que desistiron no seu intento polas reticencias dos socialistas a concederlle axudas desta índole para a nosa comunidade, posto que eles teñen as súas preferencias noutros territorios de España, e só hai que ver as súas resolucións, e por iso levamos cinco anos de discriminación en Galicia que sofre, de xeito indirecto, o potente sector da automoción da nosa provincia”. “É unha gran oportunidade perdida, outra máis, perpetrada polo Goberno e polo PSOE contra os intereses da nosa terra e dos nosos sectores produtivos”, apostillou López.

TRES MEDIDAS URXENTES

Ante esta situación, Luis López quixo demandar ao Goberno de España que aposte “dunha vez por todas” por Stellantis e pola automoción da provincia a través de tres medidas urxentes, que se centran “nun apoio millonario e histórico similar e proporcional –orzamentariamente– ao da Xunta coa factoría viguesa”, á que lle concedeu 93 millóns de euros en axudas nos últimos doce anos para diversas accións que supuxeron un investimento de 698 millóns de euros; a resolución inmediata e favorable do Perte VEC para a implantación dunha liña de fabricación de vehículos 100% eléctricos; e a execución inmediata dunha axeitada subministración eléctrica coa comprometida liña de Moi Alta Tensión de Balaídos.

O presidente provincial do PP estima “imprescindible” que o Goberno anuncie xa o retrasado Perte VEC cunha resolución de axudas favorable á petición da empresa para impulsar a nova planta de vehículos eléctricos “blindando deste xeito a factoría e os seus empregos durante os vindeiros 15 anos e despexando o futuro da automoción viguesa e da provincia de Pontevedra”.

“O Goberno reservouse o 100% dos fondos industriais das axudas procedentes de Europa e, polo momento, e como non podía ser doutro xeito tal e como as gasta, só fallou a prol de Cataluña e Valencia, polo que esixímoslle que actúe xa, porque parte do futuro industrial e laboral de Galicia está nese Perte”, manifestou López, que pídelle “que aposten por Galicia e polos seus sectores estratéxicos, como é a automoción, do mesmo xeito que fai o PP desde a Xunta e outras administracións”.

O mandatario popular tamén esixiu que se dean garantías dunha subministración enerxética axeitada para a planta coa inmediata construción do enganche de Moi Alta Tensión coa rede de 220 kilovoltios da liña Atios-Pazos. “Se non fóra porque estamos falando dun tema económico moi serio e de primeiro nivel, estes retrasos parecerían unha brincadeira dos socialistas”, sinalou López.

“Lamentablemente xa imos tarde por culpa do Goberno de España, porque nun sector coma este de gran industria a celeridade dos prazos é case tan importante como a tecnoloxía ou a contía das axudas, pero desde o PP non deixaremos de reclamar o que lle corresponde a Galicia e non imos calar ante a discriminación e maltrato do PSOE, que está a ver onde inviste eses cartos e ao final, se lles queda algo, deixar as migallas para a nosa comunidade”, concluíu Luis López.