Luis López destaca que o PP na provincia de Pontevedra obtivo o mellor resultado nos últimos quince anos nunhas eleccións autonómicas, tanto en votos como en porcentaxe

Martes, 20 de febrero de 2024.

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe que o Partido Popular na provincia de Pontevedra obtivo o mellor resultado nos últimos quince anos nunhas eleccións autonómicas, tanto en votos como en porcentaxe.

Luis López, acompañado da secretaria xeral, Luisa Piñeiro e parte dos 11 deputados electos pola provincia compareceu esta mañá na sede provincial do Partido Popular para facer balance do resultado electoral na provincia de Pontevedra.

“Pontevedra volcouse cun pontevedrés, o candidato Alfonso Rueda, que ademais era o cabeza de lista pola nosa provincia. Pontevedra díxolle que “non” á discordia do nacionalismo e aos muros do sanchismo e Pontevedra concorreu masivamente ás urnas para confiar en Alfonso Rueda e no proxecto da Galicia que funciona”, afirmou o dirixente popular.

Polo tanto, de novo tinguimos o mapa de azul PP, xa que gañamos nas 10 comarcas, en 54 dos 61 concellos, e en 29 (case a metade) superamos o  50% dos votos, resaltou Luís López

O presidente provincial agradeceu, en primeiro lugar o intenso traballo levado a cabo polos militantes, cargos, interventores e apoderados do partido que demostraron ser unha ferramenta imparable e unida ao servizo da provincia. Agradeceu tamén aos  226.000 pontevedreses que –á espera dos resultados definitivos e do voto exterior— depositaron a papeleta do Partido Popular nas urnas da provincia: case un 44% do total emitido, o que valeu para manter os 11 escanos no Parlamento.

Luís López destacou que “na provincia de Pontevedra obtivéronse 34.500 votos máis que na convocatoria de 2020. Avantaxamos en case 8 puntos e preto de 50.000 votos (47.821) á segunda forza, o BNG,  e sacamos o triplo de apoios que a terceira forza, o Partido Socialista, con quen nos separan 20 puntos e 150.000 votos”

Polo tanto, se nas municipais nos apoiaron o 36% dos electores e nas xerais un 40%, nas autonómicas pasamos a obter un 44%, isto tamén referenda o traballo que estamos a desempeñar, desde logo na Xunta, pero tamén na Deputación e nos concellos, precisou Luís López.

Pontevedra é a única provincia onde o Partido Popular mellora en votos.  “Gañamos mesmo en lugares onde tradicionalmente “se nos resistían”. Como é o caso da Illa de Arousa –onde xa triunfamos nas municipais— ou Fornelos de Montes, neste caso, por primeira vez en décadas. Ademais de gañar abrumadoramente nos municipios do rural, con curiosidades como a mesa de Maceira, en Lalín, onde cun 80% do voto obtivemos o segundo mellor resultado en Galicia”, explicou o presidente provincial.

“En Vigo obtivemos o mellor resultado en 10 anos, o que confirma a senda de crecemento do partido alí desde as pasadas municipais, e en Pontevedra a vitoria é aplastante, con máis de 10 puntos de diferenza sobre a segunda forza”, rematou o presidente provincial.