Luis López anuncia a integración do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e de todo o seu grupo no PP “para construír un proxecto máis forte e unido a prol dos veciños”

Xoves, 8 de febreiro de 2024.

O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, anuncio na xornada de hoxe a integración do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e de todo o seu grupo pertencente á formación Veciños de Meaño no Partido Popular co obxectivo de “construír un proxecto máis forte e unido a prol dos veciños” deste municipio do Salnés.

O máximo responsable do PP pontevedrés ultimou o acordo para o regreso do rexedor nunha reunión celebrada con todos os membros desta formación independente e co concelleiro popular de Meaño, Suso Sueiro, e amosou a súa satisfacción “pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular como a gran casa común do centro-dereita”.

Deste xeito, nos vindeiros días activaranse os formalismos e os procedementos regrados internos para confirmar a reintegración no PP “e cando rematen esas cuestións administrativas comezaremos a funcionar como un grupo forte e maioritario en Meaño con 9 dos 13 concelleiros da corporación municipal”.

Luis López quixo agradecer a xenerosidade de Carlos Viéitez e de todos os seus compañeiros, do edil Suso Sueiro, “que fixo un grandísimo traballo e que demostrou ser un home de partido e unha persoa que puxo a Meaño por diante de todas as cousas”, e da familia popular do Salnés, “xa que todas as partes decidiron aunar as súas sensibilidades e entenderon que o traballo conxunto e en común é moito máis produtivo para os meañeses e todos veciños da bisbarra”.

O presidente provincial louvou o labor de Carlos Viéitez, “que demostra ser un magnífico alcalde en todas as facetas, tanto na electoral, cun masivo apoio da veciñanza, como na referida á súa xestión e atención aos veciños, que ademais vén respaldada por un gran equipo de xente de Meaño que se atopa moi ilusionada por esta nova etapa no seo do Partido Popular”.

“Sempre dixemos que o PP é o partido máis grande que hai, o que máis se parece á xente e co que máis se sinten identificados os cidadáns do Salnés e de toda a provincia. Por elo, aquí caben todas as persoas que queira estar nel, porque somos inclusivos, integradores e buscamos sempre ampliar ao máximo a nosa base social, e imos seguir nesta liña de traballo”, concluíu Luis López.