Luisa Sánchez pregunta a Caballero onde está a súa ‘urxencia’ por afrontar o problema da vivenda cando leva 16 meses tramitando unha empresa municipal

13 de outubro de 2026. A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, instou este martes a Abel Caballero a aclarar cando constituirá a empresa municipal de vivenda, una entidade que o goberno local rexeitou pór en marcha durante anos alegando que non tiña competencias na materia e que finalmente anunciou en xuño de 2025. “Unha vez desenmascarada a mentira de que non tiña competencias, o certo é que tampouco parece darse moita présa. Porque hoxe, case 16 meses despois do anuncio, esa empresa segue sen constituírse e, polo tanto, segue sen ser unha realidade”, aseverou.

A portavoz popular lembrou que o seu partido leva “moito tempo” reclamando a creación dunha empresa pública de vivenda para afrontar o principal problema de Vigo e, en xeral, de todo o país. “Caballero negouse durante 18 anos alegando falta de competencias do Concello na materia, pero o 27 de xuño do 2025 anunciouna por fin, co obxectivo de promover e construír vivenda pública e accesible na cidade”, resumiu.

“A pregunta é: a que agarda o señor Caballero? Onde está a urxencia do seu goberno co principal problema da cidade? E, sobre todo, cando teñen pensado que sexa por fin unha realidade? Porque mentres a administración autonómica constrúe con axilidade e eficacia 1.600 vivendas protexidas en Navia que empezará a entregar en breve, o Concello nin sequera foi capaz de crear a EMVigo”, instou.

Polo momento, subliñou Luisa Sánchez, “o único que hai son anuncios e promesas baleiras de Abel Caballero, pero nin un só ladrillo” xa que as parcelas de Esturáns e de Santa Cristina “seguen coma sempre, esperando que algún día se faga algo con elas”.

Falan os “números”, subliña a líder do PP de Vigo: “Cero vivendas construídas en case vinte anos. É un dato concluínte que demostra que o único que fai o PSOE pola vivenda é pór paus nas rodas e tratar de entorpecer ás administracións que si traballan. Por iso que a nós non poden darnos leccións en materia de vivenda”, insistiu.

A presidenta local dos populares instou a Caballero a “deixarse de palabras sen contido” e “actuar dunha vez por todas”. Por unha banda, “abandonando a desidia administrativa e acelerando a construción” da EMVigo, que “hai tempo que debería estar operativa para poder dar unha resposta á principal demanda dos vigueses”.

Por outra, engadiu, dotando de máis recursos a esta entidade, que ten previsto un capital de 8 millóns de euros, cos que “pouco se pode facer, xa que solo a metade é cash”. “Por iso insistimos tamén na necesidade de facer uso dos remanentes de tesourería, para poder dotala de moitos máis fondos económicos, tal e como permite a lei. Porque esa é a única maneira de crear un organismo con capacidade para facer algo e non un mero instrumento de propaganda”, precisou.

Luisa Sánchez reiterou a súa proposta de investir 60 millóns de euros para afrontar con firmeza o problema da vivenda na cidade. “Propoñemos que colla os cartos da caixa forte, onde Caballero acumula 200 millóns de euros, e que destine 60 a resolver a falla de vivenda accesible. Para que os quere? Que rompa dunha vez a hucha e atenda as necesidades da cidade”, rematou.