Luisa Sánchez anima á militancia do PP de Vigo a mobilizarse e traballar de cara ás eleccións do 29N para castigar ao Goberno que peor tratou á cidade

10 de outubro de 2026. A líder do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, presidiu a xunta directiva local do partido, de carácter aberto, á que acudiron preto de 300 militantes e que serviu como punto de partida para a próxima cita coas eleccións xerais do 29 de novembro. “Estou convencida de que Vigo se mobilizará para castigar ao Goberno que peor tratou á nosa cidade. Vigo penalizará todos os abrazos de Abel Caballero ao sanchismo e para iso instei aos nosos militantes que comecen a traballar dende xa para logralo”, apuntou.

A xunta local do PP de Vigo, na que estivo o presidente provincial, Luis López, estaba convocada antes de coñecerse o adianto electoral e o orde do día foi modificado para adaptalo ao novo calendario. “Xa nos serviu para testar os ánimos dos nosos afiliados de cara ao 29N. E non son outros que as ganas de traballar para sacar a Pedro Sánchez da Moncloa e levar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno”, sinalou.

“E máis que evidente que o lema elixido para esta campaña: “por fin”, reflicte á perfección o sentir da cidadanía, farta dun Goberno incapaz de lexislar, sen orzamentos e sen apoios. Por fin a cidadanía poderá falar nas urnas, que é o que reclamamos dende fai tempo, para dicir basta a esta inestabilidade política que afecta a proxectos claves da nosa cidade como a prolongación da A-52, o AVE a Portugal, a Biblioteca do Estado, o porto nodal e tantos outros que necesita esta cidade para avanzar”, manifestou.

A líder local do PP vinculou o éxito de afluencia da xunta local, que abarrotou o salón do hotel Ciudad de Vigo, á boa saúde da que goza o PP de Vigo e ao compromiso dos afiliados, ademais de celebrar a presenza de numerosos representantes de NNXX de Vigo, que o pasado sábado tivo o seu congreso local. “Contamos coa forza e o compromiso dos máis novos, que deron un novo impulso a NNXX de Vigo, que agora está baixo a presidencia de José Caramés. Díxenlles que ían ter que traballar duro, pero non se imaxinaban que sería tan pronto. É un orgullo para min ver como crece a formación porque foi un dos primeiros obxectivos que me marquei cando decidín liderar o PP de Vigo”, manifestou.

“O NOSO PARTIDO ESTÁ MELLOR QUE NUNCA, UNIDO E COMPROMETIDO”

“O noso partido está mellor que nunca, unido e comprometido coa nosa cidade, pero non podemos confiarnos. Temos que esixirnos moito máis para obter os mellores resultados da historia nestas eleccións”, subliñou Luisa Sánchez, que lembrou que o 13 de novembro comeza a campaña electoral, “pero antes temos moito que facer”.

Así, avanzou que haberá reunións semanais cos presidentes de distrito, tamén reunións sindicais en torno aos autónomos, á política social ou as infraestruturas, “tan necesarias na nosa cidade”.

“A partir e agora o noso obxectivo é mobilizar a todos os nosos afiliados e simpatizantes. Farémolo pola nosa cidade, por un país mellor e para loitar polo noso futuro. Non podemos esquecer que o problema da vivenda é o que desencadeou estas eleccións, pero en Galicia estamos moi por diante. En Vigo hai 1.600 vivendas en marcha en Navia, mil delas en construción, licitadas ou adxudicadas. Tamén o PIA do Ofimático e de Ramón Nieto. Ninguén nos pode dar exemplo, porque quen se encargou do tema da vivenda en Galicia foi o PP. Dende logo nin o Goberno de Pedro Sánchez nin tampouco o de Abel Caballero, con cero vivendas en case vinte anos”, concluíu.

“IMOS MARCAR UN RITMO E UNHA FORZA IMPARABLE”

Durante a súa intervención, Luis López, destacou que o éxito de convocatoria da xunta local “significa moitísimas cousas e unha delas é o compromiso para dar ese gran paso que nos queda por facer e que será moi bo”. Outra, apuntou, é a unidade que existe no PP: “Nós imos facer o contrario que o PSOE. Faremos vida de partido, estar xuntos e tomar decisións en conxunto para tomar forzas para o que ven”.

O presidente provincial felicitou a Luisa Sánchez “seguir construíndo máis PP en Vigo” e polo traballo que se está facendo na cidade. “Temos que estar orgullosos do pasado, do presente e do futuro que é prometedor. Convídovos a facer menos caso do ruído interesado que hai por fora e confiar máis no noso traballo e nas correntes de fondo”, aseverou. “O traballo que temos que realizar o 29N será determinante logo para o 23 de maio, na cita coas eleccións municipais. Imos marcar un ritmo e unha forza imparable”, avanzou.