Luis López preside a constitución do comité de campaña do 29-N e fixa o obxectivo de contribuir a un goberno de Feijóo “para acabar co maltrato de Sánchez coa provincia”

Pontevedra, 15 de outubro de 2026. O presidente provincial do PP de Pontevedra. Luis López, encabezou o acto de constitución do comité provincial de campaña para as Eleccións Xerais do 29-N e fixou como obxectivo a contribución deste territorio para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno “para acabar co maltrato, castigo, discriminación e ata persecución de Pedro Sánchez e do PSOE coa nosa provincia”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra anunciou unha “campaña intensa de rúa e contacto constante cos cidadáns” para darlle continuidade ao “traballo de cercanía coa xente” realizado a longo destes anos por todos os representantes do partido, desde o presidente Alfonso Rueda ata os das 61 agrupacións locais. “Non imos facer nada distinto do que somos e do que sentimos como formación política, pero imos reforzalo e potencialo porque Galicia e a provincia xóganse moito nestas eleccións. Somos o partido da xente e imos mostralo máis que nunca”, aseverou.
Ademais, López contrapuxo este modelo do PP de “escoitar, entender e atender” aos veciños co de “corrupción e abandono de Galicia” por parte dos socialistas, aos que considera inhabilitados para defender os intereses dos pontevedreses.
ESPERANZA EN PECHAR UN “CICLO NEGRO”
O presidente provincial do PP enumerou as decenas de exemplos de incumprimentos e abandonos de Sánchez e do PSOE coa provincia, como as infraestruturas das cidades de Vigo e Pontevedra, o estado das estradas nacionais, a falta dunha axeitada cobertura de Internet e telefónica para preto de 100.000 veciños principalmente dos concellos de interior, a inexistente construción de vivenda pública, a transferencia e gratuidade da AP-9, as enormes deficiencias xeralizadas do servizo de tren e o bloqueo da Saída Sur cara Portugal, a dragaxe do río Miño, as subas de impostos ata converter a provincia nun “inferno fiscal” cun incremento da recadación do dobre que no resto de España, a folga de médicos, o incumprimento do financiamento da dependencia ou a falta de medidas para paliar a disparada inflación, entre outras.
“Non houbo unha soa boa nova para a provincia e para Galicia, polo que agardamos que, agora si, se peche este ciclo negro”, sinalou Luis López, que solicitou a confianza no PP por parte dos cidadáns “para rematar con máis de oito anos de castigo e recortes” e para abrir un “tempo novo” da man de Alberto Núñez Feijóo “no que, por fin, se escoite a Galicia”.
Finalmente, o comité provincial de campaña do 29-N, que será ratificado na xunta directiva provincial do próximo luns, quedou configurado coa dirección por parte da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, que xa se encargou desta responsabilidade nas tres últimas convocatorias electorais, e coa participación de Alberto Pazos como coordinador adxunto, Valentín García, Juan Bayón, Javier Tourís, Pepa Pardo, Alberto Fuentes e Raúl Santamaría.