Comesaña remarca a importancia da boa xestión nunha visita á parcela do novo centro de saúde de Caldas de Reis

Xoves, 15 de febreiro de 2024.

O conselleiro de Sanidade e candidato na lista do PPdeG por Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou hoxe xunto ao portavoz do PP de Caldas de Reis, Fernando Pérez, a parcela onde se construirá o futuro centro de saúde deste Concello, conforme co previsto no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en outubro de 2021.

Comesaña lembrou que o texto final do convenio para a construción do novo centro tivo por fin o acordo do Concello “hai 15 días” despois de que o goberno municipal PSdeG estivese “paralizando os trámites durante 4 anos”, pois primeiro negouse a incorporar as consideracións técnicas dos accesos viarios na ordenación urbanística e despois puxo trabas para acordar un convenio de colaboración para a posta en marcha do centro nas mesmas condicións que o resto de concellos. Finalmente, unha vez acordado o texto de convenio, o Sergas daralle agora trámite para asinalo o antes posible.

“Era urxente avanzar na renovación do centro de saúde de Caldas” -apuntou o Conselleiro- “polo desbordamento do centro actual, que ten que derivar servizos como o de fisioterapia a outras dependencias municipais”.

O novo centro conseguirá unificar todos os servizos nun so edificio de 2.839 metros cadrados, incrementando os seus espazos con respecto ao centro actual pasando de 3 a 12 consultas de adultos e de 3 a 5 consultas de pediatría. Tamén incluirá un despacho de traballador social, a área da muller, 3 consultas novas no PAC e as áreas de saúde bucodental e fisioterapia, xunto con zonas de persoal, estar e despacho de coordinación.

Aproveitou a ocasión para reprochar á oposición “que estaban en contra de investir en cemento”, polo que o novo centro de Caldas de Reis será grazas ao esforzo de planificación e coherencia da Xunta, que é posible grazas a ter un goberno estable e unido e coas contas saneadas. Pola contra, considerou os atrancos por parte do goberno municipal de Caldas como “un moi bo exemplo da xestión dun bipartito”.

Rematou facendo gala de que o goberno do PP construíu ou reformou máis de 130 centros de saúde desde o ano 2009 e que completou nesta lexislatura unha dotación de 30 millóns de euros en novos equipos diagnósticos para os servizos de atención primaria.

 

Catro anos de bloqueo por parte do bipartito local

O conselleiro indicou que foi o goberno galego o que levou a iniciativa para a construción dun novo centro mesmo dando o visto e prace a unha proposta de parcela feita polo Concello no ano 2019. A pesares da falta de avances por parte do Concello, a Xunta insistiu no proxecto incluíndo no seu Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado a finais de 2021 e solicitando de novo por carta a cesión efectiva desa parcela.

Sen embargo, o goberno local tardou tres anos en trasladar á Xunta a aprobación inicial por dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para este terreo que non incorporaba as consideracións sobre accesos viarios e sobre as áreas de aparcamento que lle foran trasladadas.

Tras lograr que as incorporase, en 2023 o Concello obxectou tamén ao borrador de convenio de colaboración remitido polo Sergas que incorporaba as mesmas obrigas da execución das actuacións de urbanización e dotacións da parcela e de exención e bonificación de certos tributos municipais que se recollen en todos os convenios con concellos para a construción de centros de saúde.

Só ante a negativa da Xunta a modificar as condicións existentes o Concello acabou aprobando o texto proposto polo goberno autonómico no Pleno de finais de xaneiro, máis de catro anos despois de que houbese acordo sobre a parcela.