Comesaña destaca o futuro centro de saúde de Vilagarcía como exemplo da “Galicia que funciona”

Venres, 16 de febreiro de 2024.

O conselleiro de Sanidade e candidato na lista do PPdeG por Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou hoxe xunto á voceira do PP de Vilagarcía, Ana Granja, o candidato Raúl Santamaría e outros dirixentes do PP local, a parcela onde se construirá o futuro centro de saúde de Vilagarcía conforme ao previsto no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo goberno galego en outubro de 2021.

Comesaña lembrou que “foi a vontade do goberno do Partido Popular e de Alfonso

Rueda a que posibilitou que hoxe esteamos tan preto de dar unha nova infraestrutura sanitaria a este concello”, destacando que o goberno local complicou este proxecto ao non dar máis alternativas que unha única parcela: “se non era aquí, non o ían permitir en ningún outro lugar. E o PP priorizou facelo”, destacou.

O conselleiro destacou que, tras o esforzo da Xunta para elaborar o proxecto arquitectónico para un centro de saúde nesa parcela e iniciar os trámites de licitación da obra por un valor de 19 millóns de euros, o goberno local aínda non cumpriu co comprometido: “non realizaron aínda ese estudo de mobilidade que esixía o convenio para garantir a fluidez do tráfico necesaria para o acceso dos pacientes e das ambulancias a este centro de saúde”.

“Nós fixemos todo o necesario para ter un centro na parcela que nos impuxeron pero aínda non sabemos que pensa facer o concello para que esa parcela cumpra co requirido”, remachou.

Cobertura de todas as prazas pese ao voto en contra de PSOE e BNG

García Comesaña puxo tamén como activo do balance do goberno de Rueda neste concello o feito de que “hoxe todas as prazas de medicina de familia do centro de saúde desta cidade están cubertas” e resaltou que iso foi posible grazas á lei que permitiu ofertar as prazas de difícil cobertura sen oposición e mediante concurso de méritos, unha norma que contou co voto en contra de PSOE e BNG.

O conselleiro resaltou que Galicia é hoxe a única comunidade que, ante o déficit de especialistas en atención primaria decidiu ofrecer sen oposición as prazas de difícil cobertura para atraer aos profesionais e cubrir así estes ocos, unha medida que permitiu completar o cadro do persoal do centro vilagarcían e que teña 24 médicos pasando consulta diariamente. “Probablemente iso era o que os socialistas e os nacionalistas querían evitar cando votaron en contra”, zanxou Comesaña, que lembrou que este mesmo sistema de concurso permitirá cubrir en semanas a única praza médica aínda vacante no centro: a de pediatría da quenda de tarde.

O realismo da Galicia que funciona

O conselleiro de sanidade aproveitou a súa visita a Vilagarcía para destacar tamén as medidas en materia sanitaria que Rueda comprometeu para os primeiros 100 días do seu próximo mandato, que van desde a inclusión da vacina intranasal da gripe no calendario vacinal infantil ata a posta en marcha dos novos programas de cribado de cancro de pulmón ou de próstata.

Comesaña erixiu estas propostas como exemplo do “realismo da Galicia que funciona” e reivindicou que no PP “prometemos o que sabemos que podemos facer e que podemos cumprir” fronte aos anuncios irrealizables de BNG e PSOE.

Nese sentido, valorou a insistencia dos candidatos independentistas e socialistas en promesas como a garantía de cita médica en 48 horas ou a dotación dun pediatra no centro de saúde de cada concello como un sinal de que “saben que non van poder gobernar” pois é “algo que, no contexto actual de falta de profesionais, non está a conseguir ningún goberno autonómico en ningunha parte de España, especialmente onde gobernan estes partidos ou os seus socios”.

Pola contra, destacou o realismo de Rueda como un exemplo do “sentidiño e seriedade” que saberá valorar a cidadanía galega fronte aos que “consideran que todo o que construímos os galegos nos últimos 15 anos foi un erro e que hai que desfacelo todo”.