Comesaña apela a lograr un goberno “unido e estable” para levar adiante proxectos como o novo centro de saúde de Meis

Mércores, 7 de febreiro de 2024.

O conselleiro de Sanidade e candidato na lista do PPdeG por Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou hoxe xunto á portavoz do PP de Meis, Marta Lucio, a parcela onde se construirá o futuro centro de saúde de Meis conforme co Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo goberno galego en outubro de 2021.

Comesaña lembrou que foi este goberno o que levou a iniciativa na proposta de construción do novo centro, mentres o PSdeG foi “por detrás”, pois só empezou a meter este centro nas súas emendas aos orzamentos autonómicos a partir da publicación do Plan da Xunta, cando non o fixera nos anos previos.

O conselleiro e candidato agradeceu ao PP de Meis o seu interese, por ser o primeiro partido en concretar unha parcela e a súa xenerosidade por chegar a un acordo co resto dos grupos para a actual proposta, na que a Xunta proxecta “un inmoble amplo, de case 1.000 m2 (973), fronte aos tres pequenos centros con problemas de espazo que temos agora e que vai permitir ter área de pediatría, área de muller ou sala polivalente”. Comesaña lembrou que, trala sinatura do convenio co Concello, a execución desta obra foi encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas, que informou recentemente da previsión de licitar o proxecto arquitectónico do novo edificio en marzo ou abril.

Apelou así ao “esforzo de planificación” e á “coherencia” da Xunta para concluír que “só un goberno do PP unido, estable e cunhas contas e unhas finanzas saneadas é capaz de trazar un plan, avanzar nos trámites e poñer o orzamento necesario para executalo”.

“Desde logo, para isto non nos fiamos dun tripartito con partidos que levan toda a lexislatura dicindo que na sanidade non hai que investir en cemento”, incidiu o conselleiro.

Pola contra, lembrou que o goberno do PP construíu ou reformou máis de 130 centros de saúde desde o ano 2009 e que completou nesta lexislatura unha dotación de 30 millóns de euros en novos equipos diagnósticos para os servizos de atención primaria.

 

Reforzo da atención primaria

Sobre a necesidade de máis persoal Comesaña destacou tamén que “a sanidade ten 7.000 efectivos máis hoxe que en 2009” e salientou o compromiso da Xunta por crear nesta lexislatura ata 400 prazas de distintas categorías en atención primaria como  enfermaría, farmacia ou fisioterapia e por poñer en marcha servizos como os de nutricionista ou os equipos de enfermaría a domicilio, como o que comparte Meis con Ribadumia e Catoira.

O conselleiro aludio tamén ás dificultades para a contratación de novos profesionais “no caso de médicos de familia ou pediatras de primaria por unha escaseza que se produce en toda España” e lembrou que “xa son 14 comunidades autónomas as que se sumaron a un manifesto liderado por Galicia para pedirlle ao Ministerio reformas para poder formar máis médicos”, unhas reformas que obtiveron o apoio no Congreso de partidos como PP, PNV, Junts ou Coalición Canaria pero ás que se opuxeron PSOE, Sumar e BNG.

Para a vindeira lexislatura, Comesaña comprometeu un esforzo en reforzar o traballo en equipo nos centros de atención primaria, cunha nova normativa de organización que reforce o papel dos xefes de servizo, o incremento de enfermaría ata lograr un enfermeiro por cada médico ou o reforzo das competencias e do persoal administrativo para dotarlles de formación sanitaria e que “podan asumir trámites que agora están en mans do médico”.

Ao tempo, apostou por potenciar a capacidade de resolución con máis atención domiciliaria ou cirurxía menor e pola posta en marcha de servizos móbiles que acheguen a centros de saúde rurais servizos como os de probas radiolóxicas, retinografías ou revisións de pé diabético.