Ana Pastor pon en valor a política de feitos do PP en materia de igualdade fronte ao retroceso que supuxo a Lei do Solo si é si
17, xullo, 23.-
A candidata do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor, puxo hoxe en valor a política de feitos dos populares en materia de igualdade fronte á política de pancarta e de confrontación que practican outros partidos políticos. Así, reafirmou que “a igualdade é un compromiso irrenunciable para o PP, un reto que compartimos co conxunto da sociedade e no que impulsamos notables avances sempre que gobernamos”.
Pastor subliñou que a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero é unha política transversal para o PP, prioritaria e afastada de calquera tipo de partidismo. “Nós cremos na política dos feitos, que é a que avala a traxectoria de Núñez Feijóo, e non na política de pancarta”. E recordou que a Lei do Só si é si “foi o maior retroceso que se deu no noso país na defensa dos dereitos das mulleres, que facilitou que máis de mil agresores sexuais visen rebaixadas as súas condenas e que outro centenar de violadores saísen á rúa antes de tempo. Unha lei do PSOE e de Sumar, apoiada polo BNG”.
Foi durante a xornada “É o momento, falemos de igualdade” celebrado esta tarde en Vigo, no que participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e a presidenta local do partido, Marta Fernández-Tapias, e ao que asistiron representantes das entidades sociais da cidade. Pastor adiantou varias medidas que se inclúen no programa dos populares, entre as que destacan un plan contra o desemprego feminino, tamén no ámbito rural e que incorporará accións específicas para mulleres con discapacidade ou con maiores dificultades para acceder ao emprego; apoio á maternidade e paternidade no ámbito laboral; impulsar o emprendemento das mulleres; ou dotar de máis recursos para garantrirunha maior axilidade, eficiencia e dedicación integral ás vítimas de violencia de xénero.
Elena Rivo asegurou que “en Galicia a igualdade non separa, a igualdade une”, e por iso salientou que «é o momento do cambio. É o momento de facer ben as cousas. É o momento de acadar grandes avances como os que van facer Luis López, Marta Fernádez-Tapias e Rafa Domínguez na Deputación de Pontevedra. Como os que vai facer o PP con Alberto Núñez Feijóo no Goberno de España, con políticas de igualdade reais, atendendo ás verdadeiras necesidades das mulleres e sen esquecer aos homes, porque a metade da poboación non pode quedar á marxe».
Así, comprometeuse a «seguir o traballo iniciado por Feijóo e Rueda coa mesma entrega e dedicación. Un firme compromiso que tamén se manifesta na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que abordamos desde o Goberno galego de xeito transversal».
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, recoñeceu que a pesar de que se deron pasos moi importantes en materia de igualdade, aínda queda moito por facer. Neste sentido, sinalou que “mentres sigan existindo teitos de cristal, mentres haxa un estereotipo ofensivo, mentres haxa unha soa vítima de violencia, de acoso ou de abuso, teremos que seguir loitando”.
Tapias avogou así pola práctica dun feminismo “libre e de feitos” e dunha igualdade “sen complexos”, que destaque pola “solidariedade, o respecto e o recoñecemento entre mulleres”.