Ana Pastor: “O PP aposta polo talento, a innovación e o coñecemento como a base dunha economía competitiva para Galicia e España”

17, xullo, 23.-

A número 1 ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, subliñou hoxe que o Partido Popular “aposta polo talento, a innovación e o coñecemento como a base dunha economía competitiva para Galicia e para España”. Foi durante a visita que fixo esta mañá á empresa Granilouro, en Salceda de Caselas, acompañada pola candidata ao Senado, Nidia Arévalo, e polo presidente local, Santiago Rodríguez Davila.

Pastor sinalou que “O PP aposta por mellorar a produtividade a través da innovación e, sobre todo, da incorporación do talento das persoas”. Así, explicou que, para que España se posicione dun xeito efectivo, “temos que ter un marco regulatorio que impulse a libre iniciativa e o desenvolvemento empresarial”. Por iso, asegurou que o PP aposta por medidas que garanten a competencia coa unidade do mercado. Frearemos o exceso de regulación, aprobaremos cada ano un decreto de simplificación administrativa e mellora da calidade regulatoria”. Ademais, comprometeuse a substituír o réxime de licencia por unha declaración responsable e fomentar o crecemento do tamaño das empresas con cambios na regulación tributaria e, deste xeito, apoiar ás pemes.

Ademais, insistiu en que “queremos atraer talento porque cremos que é a clave do futuro de Galicia e España”, e engadiu que “aspiramos a converternos tamén nun hub para o investimento en Latinoamérica e estou convencida de que o conseguiremos”. Con respecto ás startup, adiantou que crearán o plan Next 35, “porque son as grandes creadoras do emprego do futuro”.