Ana Pastor: “hai unha economía real da que os socialistas non queren que falemos”

11, xullo, 23.-

O Partido Popular denunciou hoxe que “hai unha economía real da que os socialistas non queren que falemos. Nós dicimos como o están pasando as familias, mentres eles prefiren falar de datos macroeconómicos”, e fíxose eco da alerta do Banco de España hai uns días, na que sinalou que hai máis de 800.000 familias que non poden cubrir os seus gastos esenciais e básicos.

Foi durante a visita que fixeron esta mañá as candidatas ao Congreso, Ana Pastor e Irene Garrido, ao Banco de Alimentos de Vigo. A número 1 dos populares agradeceu a importante labor que fan a fundación e todos os seus voluntarios, e destacou tamén as doazóns anónimas que fan moitas persoas “a este gran proxecto social”. Pastor dixo que “os políticos temos a responsabilidade de xerar oportunidades para que as persoas poidan ter recursos e unha vida independente, é necesario tomar medidas para xerar emprego e oportunidades”.

Por iso, subliñou que unha das primeiras medidas que tomará o Goberno de Núñez Feijóo para recuperar o poder adquisitivo perdido polas familias será deflactar o IRPF para rendas de menos de 40.000 euros e baixar o IVA das carnes,

peixes e conservas. Ademais, a candidata ao Congreso tamén recordou que non só subiu o prezo da cesta da compra, senón que a luz é máis cara e tamén a hipoteca, e ademais os españois pagaron máis impostos que nunca. “Queremos devolver ás familias unha parte do que teñen contribuído e que debe de estar no peto da cidadanía”, e denunciou que España é o país europeo no que máis aumentou a presión fiscal desde que Goberna Sánchez, co incremento de máis de 40 impostos.