Ana Pastor e Pepa Pardo presentan as propostas económicas do PP ante o tecido empresarial de Pontevedra

17, xullo, 23.-

As candidatas do PP de Pontevedra ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor e Pepa Pardo, presentaron esta mañá as propostas económicas dos populares ante o tecido empresarial da cidade, nun almorzo no que tamén participaron a responsable de Economía do Goberno galego, María JesúsLorenzana, e o presidente local, Rafa Domínguez.

As populares subliñaron que o programa de Núñez Feijóo aposta pola seguridade xurídica, a creación de emprego e a captación de investimento como elementos clave. “Cremos que a xeración de oportunidades e a creación de emprego son as bases dunha sociedade do benestar sostible no tempo, que debe ter ás persoas no centro da súa acción política e manter a medio e longo prazo uns servizos sociais de calidade”, defendeu Ana Pastor. Nesta liña, denunciou que “as políticas do Goberno empobreceron como nunca ás familias españolas, que son as que máis poder adquisitivo perderon. Por iso, nin España nin Pontevedra poden permitirse catro anos máis de sanchismo. Así, tomou como dato as advertencias do Banco de España, que indican que hai máis de 1,6 millóns de familias españolas que non poden cubrir os gastos elementais do día a día.

Pastor apostou por gobernar de xeito responsable, rigoroso e transparente, “como Feijóo xa ten demostrado no Goberno galego”, e explicou as medidas coas que o PP pretende cambiar a situación: medidas centradas en facer unha política fiscal axeitada, mudar unhas contas que tenden ao déficit e á débeda constante así como reverter as subas de impostos para aliviar as cargas que soportan os fogares. Así, inclúen a modificación do sistema fiscal para as familias con rendas medias e baixas, deflactar a tarifa do IRPF e facilitar que os fogares con menos recursos poidan consumir peixe, carne e conservas, para as que prevén reducir o IVE. “Pensamos que onde mellor está o diñeiro é no bolsillo da cidadanía, e estas políticas contribúen a dinamizar a economía”, engadiu.

Con respecto aos fondos europeos, apostan por “unha maior transparencia na asignación de recursos porque son un instrumento clave para impulsar a transformación e é importante que cheguen ás nosas empresas e á sociedade”. Neste senso, denunciou que “mentres xa se concederon axudas directas á industria doutras comunidades autónomas afíns ao sanchismo, en Galicia seguimos esperando polos fondos europeos”.

Pastor tamén se referiu á simplificación administrativa, “para eliminar a burocracia, evitar duplicidades e facilitar a tramitación, para fomentar o emprendemento e apoiar aos autónomos e pemes”, a un plan de reindustrialización, para dotar ás empresas dos recursos necesarias para facelas máis competitivas.

Pola súa banda, María Jesús Lorenzana tamén se referiu á xestión dos fondos europeos, dos que dixo que “hai certa política detrás da súa xestión, pero tamén descoñecemento do Goberno central”. Nesta liña, dixo que non se están xestionando, e sería unha traxedia que eses fondos tivesen que devolverse, e puxo como exemplo que proxectos galegos como o de Stellantis, na provincia, non teñen garantizado financiamento por parte dos fondos europeos. Pola contra, subliñou que “Feijóo garante unha xestión eficiente e rápida dos fondos, falando coas empresas e en colaboración coas comunidades autónomas. É unha garantía, porque temos a experiencia da súa xestión ao fronte do Goberno galego”.