Ana Pastor e Pedro Puy amosan ante o tecido asociativo de Vigo a aposta do PP pola cultura

21, xullo, 23.-

Os candidatos do PP ao Congreso, Ana Pastor e Pedro Puy, acompañados por Román Rodríguez, responsable de Cultura e Educación do Goberno galego, mantiveron esta mañá unha reunión con representantes do tecido asociativo cultural da cidade, desde o mundo audiovisual, ata a música ou as artes plásticas, para escoitar as súas ideas e suxestións e explicarlles o proxecto dos populares en materia cultural.

Nesta liña, Pastor destacou que “a cultura é un piar da nosa identidade común e constitúe un poderoso instrumento para fomentar o desenvolvemento persoal, a liberdade de expresión, a cohesión social, a creatividade e a innovación”. Ademais, recordou que ten un peso fundamental na economía e na atracción do turismo e na creación de emprego, e por iso desde o PP propoñen impulsar políticas culturais para poñer en valor o patrimonio histórico-artístico; impulsar unha nova lei do patrimonio cultural; eliminar o exceso de burocracia que impide a xestión eficaz no ámbito cultural, favorecendo a creación de novas empresas culturais; promover proxectos en red que proporcionen actividades culturais de calidade a concellos pequenos e do rural; apoio á cultura para a mocidade…

Ademais, criticaron que a política cultural de un país non acaba no bono cultural mozo nin ten como obxectivo intentar fidelizar aos novos votantes. “O PSOE utiliza a cultura no seu propio beneficio, pero dálle igual quen dirixa a política cultural do Ministerio e as medidas que necesita o sector non son a súa prioridade”, engadiron. Así, recordaron que en catro anos houbo ata tres ministros de cultural que careceron dunha folla de ruta. “Só hai unha alternativa e un partido capaz de poñer fin a cinco anos de sanchismo, e por iso é necesario unir todo o voto do cambio en Núñez Feijóo”, sinalou Pastor, e defendeu que en Galicia xa se coñece ben a súa xestión e a súa aposta pola cultura, “unha xestión que os galegos aprobamos con catro maiorías absolutas”.