Ana Pastor destaca o compromiso do PP co rural: “Feijóo aposta por mellorar a calidade de vida e as oportunidades para os nosos pobos”

10, xullo, 23.-

O Partido Popular destacou esta mañá en Cerdedo-Cotobade a súa aposta por políticas que contribúan a fixar poboación do rural, con propostas e iniciativas que axuden a que vivir no rural non sexa unha desventaxa, encamiñadas a facilitar que as persoas poidan desenvolver a súa actividade laboral e profesional, fomentar a conciliación e mellorar as comunicacións, entre outras.

Foi durante a visita que as candidatas ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Pepa Pardo e Raquel Touriño, fixeron á empresa Forestalis, xunto ao alcalde Jorge Cubela, a secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro, e o responsable de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias do Goberno galego, José Balseiros. Ana Pastor destacou que o proxecto de Feijóo “aposta por mellorar a calidade de vida e as oportunidades para os nosos pobos”, e destacou que é fundamental apostar pola implementar e fibra óptica, “que Sánchez usou para favorecer a aqueles territorios nos que tiñan interese os socialistas”; mellorar as infraestruturas, e recordou que en cinco anos o PSOE “non fixo o que tiña que facer coa N-541 e ademais votaron e contra de todas as emendas que o PP presentou aos orzamentos xerais do estado para que incluísen ese proxecto”; e tamén engadiu que é necesario fomentar o emprego feminino no rural, e neste senso avogou tamén por poñer en marcha medidas que favorezan a conciliación.

Os populares coincidiron en sinalar que o rural en Galicia ten futuro e puxeron como exemplo todas as políticas que o Goberno galego está desenvolvendo para asentar e fixar poboación. Neste senso, destacaron que “Feijóo xa demostrou o seu compromiso co rural galego na Xunta de Galicia, e trasladará esa xestión e ese compromiso ao Goberno de España”. Pola súa banda, Jorge Cubela engadiu que “temos claro que sen emprego, economía e emprendemento non hai futuro”.

Con respecto á empresa, Pastor puxo en valor o compromiso de Forestalis por loitar coa descarbonización e preservar o medio ambiente e coa creación de emprego e de oportunidades no rural, e destacou que tamén é exemplo da repercusión que teñen as políticas deseñadas desde o Goberno galego para fixar poboación.