Ana Pastor avanza as medidas do PP para favorecer a integración das persoas con discapacidade

13, xullo, 23.-

As candidatas Ana Pastor e Irene Garrido, acompañadas pola secretaria xeral do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitaron este mediodía o HC San Rafael, no que mantiveron ademais un encontro coa directiva do centro, e aproveitaron para avanzar algunhas das medidas que o PP inclúe no seu programa para favorecer a integración das persoas con discapacidade.

“Escoitamos e tomamos boa nota dos problemas e necesidades que teñen”, subliñou a número 1 ao Congreso, que subliñou a aposta do PP por todas as iniciativas, recursos e apoios que favorezan a plena integración da sociedade.

Ademais amosou o respecto á elección dos pais para que elixan a educación que queren para os seus fillos, e sinalou que no programa popular inclúese a detección precoz de calquera tipo de capacidade diferente e o apoio a proxectos como o de San Rafael, en Vigo.

Pastor tamén destacou a aposta do PP polo emprego das persoas con discapacidade como a mellor ferramenta de inclusión social, e amosou o compromiso do partido para reformar o artigo 49 da Constitución Española e substituír o termo diminuído polo de persoas con discapacidade. Ademais, dixo que o PP presenta medidas económicas, sociais e psicolóxicas dirixidas especificamente a familias con menores con discapacidade.