Ana Pastor afirma en Silleda que cada día hai máis xente na rúa que pide un cambio que só pode garantir Núñez Feijóo

14, xullo, 23.-

A número 1 do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor, visitou este mediodía a Feira de Bandeira, en Silleda,  acompañada pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e o presidente local do partido, Ignacio Maril. Durante o paseo, aproveitou para escoitar e atender aos veciños deste concello e explicarlles o programa dos populares para garantir o cambio que España necesita. “Estamos no ecuador da campaña electoral, e cada día que pasa pálpase máis o cambio que pide a xente, tamén aquí en Silleda”, destacou. Un cambio que, engadiu, “só pode garantir o PP e  Núñez Feijóo, cun proxecto ilusionante e cun gran equipo con gañas de transformar o noso país”.

A candidata pediu que todas as persoas que queiran que as cousas cambien, acudan a votar o 23 de xullo polo Partido Popular. “Núñez Feijóo vai situar as prioridades dos españois e dos galegos na axenda do goberno, vai desterrar o enfrontamento e vai impulsar medidas moi necesarias para as familias”, subliñou, e dixo que é fundamental concentrar o voto do cambio no proxecto do Partido Popular porque “só Núñez Feijóo é a alternativa a ese goberno Frankestein que Sánchez quere reeditar”.

Entre as medidas que aplicarán os populares, destacou que inclúen baixar o IRPF ás rendas medias e baixas e diminuír o IVE da carne, do pescado e das conservas. Ademais, dixo que “van facer posible o que xa se está facendo en Galicia”, e puxo como exemplo a gratuidade nas escolas de 0 a 3 anos. “Feijóo é unha persoa seria, responsable, que di sempre a verdade. Que en Galicia fixo todo e máis por mellorar a vida dos galegos e que vai tomarse en serio os problemas dos cidadáns”.

Por último, criticou a Lei do Só Si é Si, “que fixo posible que máis de mil delincuentes e agresores sexuais visen rebaixada a súa condena e que máis de 117 deses delincuentes que violaron e cometeron delitos de agresión sexual estean hoxe na rúa”.