Alfonso Rueda pide concentrar o apoio no PP para que Feijóo poida gobernar en serio, sen hipotecas nin ataduras: “Por moi poucos votos pódense decidir moitas cousas”

15, xullo, 23.-

O presidente do PPdeG fixo un chamamento á concentración do voto en torno á candidatura de Alberto Núñez Feijóo recordando o acontecido nalgúns concellos nas pasadas municipais: “Polos poucos votos que se foron a outros partidos que nin teñen representación, o PP non puido gobernar en moitos concellos”

“Por moi poucos votos pódense decidir moitas cousas. Polo tanto, todo o que sexa concentrar o voto no PP suporá dar consistencia e autoridade a Feijóo para poder formar un Goberno serio, forte, sen hipotecas e sen ataduras”, engadiu

Alfonso Rueda apuntou que o debate do outro día entre Feijóo e Sánchez foi a mellor representación das dúas alternativas que se presentan nestas eleccións: “Ou a soberbia do socialismo ou un candidato que sempre fixo as cousas con humildade, con traballo, con preparación, sen menosprezar a ninguén pero dicindo as verdades

Recordando que o candidato socialista tiña hoxe prevista unha vista a Lugo que foi aprazada, ironizou: “Por unha banda temos un candidato galego que elixiu Galicia para o seu gran acto de campaña e por outra a un que nin sequera se atreve a ver a Galicia

Tamén en clave de actualidade, o líder dos populares galegos mostrouse moi crítico coa concelleira do BNG na Estrada e o seu comentario sobre o fillo que estaba agardando Isabel Díaz Ayuso: “Nós somos xente máis cabal e admitimos que a xente diga disparates, pero me gustaría saber que estarían dicindo eles se dixese o mesmo un concelleiro do PP sobre unha dirixente do BNG”

Rueda quixo poñer en evidencia en que consiste o sanchismo recordando o que viviu no seu encontro con Pedro Sánchez no Barco de Valdeorras con motivo dos incendios do verán pasado: “Diante miña prometeu unhas axudas para reconstruír as casas que arderon. Mentres que as axudas da Xunta estaban pagadas a dous meses, as axudas do Estado a día de hoxe, un ano despois, están sen pagar”

“Un presidente do Goberno non está para contar mentiras nin para cambiar de opinión”, concluíu antes de subliñar que Alberto Núñez Feijóo está á altura do que se espera del e que polo tanto merece todo o apoio dos galegos: “Temos unha ocasión única para que se fagan moitas cousas necesarias e estou seguro de que non lle vai fallar a Galicia”

O presidente do PPdeG pediu “ir todos a unha coa forza dos votos que o PP vai ter en Lalín e en Galicia” e asegurou que “por moi difíciles que poña Sánchez as cousas, nós sempre imos responder a favor do que lle interesa a Galicia”

ANA PASTOR: “TEMOS UN PROXECTO ILUSIONANTE E UN GRAN EQUIPO CON GAÑAS DE TRANSFORMAR ESPAÑA”

A cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra replicou a Pedro Sánchez que “España non vai como unha moto”, expoñendo que somos o país con máis para da UE, cunha débeda “inasumible”, cada vez menos renda dispoñible e cada vez maior perda de poder adquisitivo

Nesta liña lamentou que a día de hoxe máis dun millón e medio de familias españolas non poden cubrir as súas necesidades esenciais, o cal supón 300.000 máis que hai un ano

“Temos un proxecto ilusionante e un gran equipo con gañas de transformar o noso país. Cada día hai máis persoas conscientes de que somos a única alternativa para impedir que o sanchismo continúe na Moncloa e a única opción para recuperar a esperanza de futuro”

Ana Pastor destacou que o programa dos populares ten como obxecto “a reconstrución económica, social e institucional do país” e ofrece “grandes pactos pola sanidade, a educación, o reto demográfico ou a conciliación”

JOSÉ CRESPO: “FEIJÓO É UNHA APOSTA SEGURA PARA LALÍN E O DEZA”

O alcalde e candidato ao Senado subliñou que Alberto Núñez Feijóo é unha “aposta segura” para Lalín e O Deza: “Fala coma nos, entende a nosa forma de ser, coñece como poucos as nosas fortalezas e as nosas necesidades e non hai que explicarlle nin como é Lalín nin cales son os proxectos vitais e de futuro para este concello”

Crespo sinalou que para Lalín é importante que Alfonso Rueda e Luis López estean á fronte do Goberno galego e da Deputación de Pontevedra e que se o 23 de xullo Feijóo gaña as eleccións “producirase unha oportunidade histórica para Lalín que seremos quen de aproveitar”

Entre os investimentos e servizos necesarios prioritarios para a vila e para a comarca do Deza, o rexedor lalinense destacou a cesión e bonificación da AP-53, o aproveitamento dos fondos europeos para fixar poboación, mellorar os servizos e diminuír a fenda entre as cidades e o rural; así como a xestión de recursos que permitan xerar máis emprego e de mellor calidade