Alfonso Rueda avoga pola política á galega de Alberto Núñez Feijóo para acabar co ninguneo do sanchismo a Galicia

15, xullo, 23.-

O presidente do PPdeG asegurou que o tempo do populismo en España está esgotado e que é o momento da solvencia e da seriedade do proxecto que encarna Alberto Núñez Feijóo e que durante anos demostrou en Galicia

Neste sentido explicou que na súa formación teñen claro que o mellor xeito de facer unha política útil e escoitando á xente, facendo propostas e ofrecendo solucións concretas a problemas concretas

Os galegos, engadiu, non precisan que ninguén lles dea leccións de como facer xestión nin merecen que se lles siga mentindo con falsas promesas; senón que necesitan a alguén que, como Feijóo ten demostrado, pase das palabras aos feitos e poña o foco sobre a cidadanía con compromiso e responsabilidade

Rueda subliñou que esta “política galega” é máis necesaria que nunca para acabar co “ninguneo” do sanchismo a Galicia, materializado en feitos concretos como o continuo aprazamento da chegada dos trens Avril, a mala xestión dos fondos europeos ou a paralización da transferencia da AP-9

Centrándose especificamente na situación do litoral galego, o presidente do PPdeG afirmou que as políticas impulsadas desde o Goberno central puxeron en risco máis de 4.000 edificacións ubicadas na costa e que son claves para a economía e para as familias

No caso concreto de Poio, serían preto de 80 os damnificados entre empresas, instalacións deportivas ou mesmo ata colexios: “Falamos de servizos, de empregos e de edificacións que xa están aí”

De aí que o Goberno galego decidise actuar con valentía e rigor impulsando a Lei do litoral de Galicia, para garantir así a continuidade de todas estas fontes de riqueza e o equilibrio entre a conservación e actividade

“Somos os primeiros interesados en preservar os tesouros que a natureza regalou a Galicia, pero iso non debe ser incompatible coa competitividade”, subliñou neste sentido

Por todo isto, Alfonso Rueda considera que é preciso poñerlle fin a estes ataques por parte dun Goberno de España que non pode, nin debe, ir contra o Goberno de Galicia e contra os galegos

Un ninguneo do que considera cómplices a un socialismo submiso coa Moncloa e un nacionalismo que “ostenta o récord de non conseguir absolutamente nada a cambio de apoiar a Pedro Sánchez”

O presidente do PPdeG avoga por volver a unha España unida, responsable e rigorosa que teña en conta a Galicia da man dunha maioría ampla e rotunda do Partido Popular nas urnas

Amosouse convencido de que, ao igual que o 28 de maio foi o momento do cambio en Poio e na Deputación de Pontevedra, o 23 de xullo será o momento do cambio en España porque, explicou, é o momento do diálogo e a cooperación e de recuperar o tempo perdido

 

ANA PASTOR: “FEIJÓO EXEMPLIFICA O MELLOR ESTILO DE FACER POLÍTICA”

A cabeza de lista ao Congreso pola provincia reivindicou que Alberto Núñez Feijóo xa demostrou en Galicia o que é “gobernar con eficacia, transparencia, honestidade e proximidade á cidadanía” e que volverá demostralo cando sexa presidente de todos os españois

“Feijóo exemplifica o mellor estilo de facer política: desde a responsabilidade, a profesionalidade, a entrega, o coñecemento e o diálogo, con ideas reformistas e construtivas e, sobre todo, con palabra”, engadiu

Pastor afeou aos socialistas que “fan moitas promesas pero pérdense cando teñen que xestionar”, recordando que o PSOE sempre votou en contra dos proxectos e emendas que o PP reclamou para os veciños de Poio

“Pedimos a construción dun carril de desaceleración e unha saída da AP-9 no lugar de Portosanto para desconxestionar a saída Pontevedra Norte e mellorar a conectividade e seguridade na zona, pero o PSOE rexeitou a emenda”, explicou

Do mesmo xeito, o PSOE tamén rexeitou a proposta de destinar unha partida para a construción da senda peonil entre a área recreativa da Seca e o núcleo histórico de Combarro para dar continuidade á senda litoral xa existente entre o Porto de Campelo e a área recreativa da Seca executada entre 2016 e 2017

“Ninguén que queira cambio pode quedar sen votar o 23 de xullo por Alberto Núñez Feijóo. Quédannos poucos días para derrogar o sanchismo e afrontar os cambios que España necesita”, concluíu

 

ÁNGEL MOLDES: “A FEIJÓO NINGUÉN LLE TEN QUE EXPLICAR NIN ONDE ESTÁ POIO NIN O QUE NECESITA PORQUE XA O COÑECE”

O alcalde e presidente do PP local remarcou que o 23 de xullo é unha “oportunidade histórica” para facer presidente do Goberno de España a alguén como Alberto Núñez Feijóo “que coñece o noso concello e ao que ninguén lle ten que explicar nin onde está nin o que necesita”

“Conseguimos a maioría absoluta en Poio, recuperamos a Deputación de Pontevedra, temos un gran presidente da Xunta de Galicia e é o momento de que tamén en España haxa un goberno do PP”, afirmou

Facendo referencia aos “problemas herdados do Tripartito”, Moldes amosouse convencido de que con Feijóo na Moncloa “ábrese unha oportunidade para avanzar en proxectos e investimentos fundamentais para o futuro de Poio e, así, recuperar todos estes anos perdidos”