O PP de Pontevedra lamenta a vergoñenta actitude do PSOE provincial instando aos seus alcaldes e portavoces cunha “rebelión total” contra a Deputación
Pontevedra, 12 de setembro de 2024.
O voceiro provincial do PP de Pontevedra, Jorge Cubela, lamentou a vergoñenta actitude do PSOE provincial instando aos seus alcaldes e portavoces cunha rebelión contra a Deputación de Pontevedra. Cubela indicou que é completamente intolerable esta actitude e animounos a que asuman xa dunha vez por todas que a Deputación está presidida polo Partido Popular.
“Despois de 1 ano, xa é hora que como adultos que son, deixen a un lado as carrapetas e pataletas, e deixen traballar á corporación provincial, que despois de ter estado baixo o sectarismo socialista tanto lle afectou aos concellos da nosa provincia. Por fin, cambiou a actitude, cambiaron as formas, e as relacións con todos os rexedores da provincia. A premisa é seguir traballando polo preto de 1 millón de cidadáns cos que conta a nosa provincia”, indicou Cubela.
O voceiro popular indicou que agardaba que a comparecencia do grupo provincial do PSOE fora para falar de financiamento, pero non da provincia, senón dos fondos procedentes do Estado que tanto lle afectan aos pequenos e medianos concellos pero tal e como destacou Cubela, “para iso hai que ser valente, e estamos vendo que non o son, xa que seguen o que lle ditan de Madrid pese a que lle estea afectando tanto á nosa provincia e a Galicia. É lamentable que as siglas lles impidan facer un mínimo servizo a provincia”.
“Hai que saber do que se fala. O compromiso municipalista deste goberno está fora de toda dúbida, e isto é recoñecido por alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas en público e en privado. Investimos máis que nunca nos concellos a través do Plan de obras e Servizos, o +Provincia, investimos máis ca nunca nas cidades de Vigo e Pontevedra. Seguiremos ao carón das necesidades dos concellos neste e nos seguintes anos. Seguiremos facendo noso traballo e agardo que o socialismo provincial faga tamén o mesmo e defenda Pontevedra e Galicia ante os seus xefes de Madrid”, destacou Jorge Cubela.
O que non se pode entender é a postura de enrocamento na que sigue instalada o PSOE provincial. Escoitando as declaracións da súa portavoz, estamos vendo que aínda non teñen asumido que xa non gobernan, e que a Deputación de Pontevedra agora é a casa de todos os concellos, sexan da cor política que sexa. “As portas desta nova Deputación están abertas para todos e esperamos que o PSOE asuma xa o seu papel, non poñan paus nas rodas e se poña a traballar dunha vez polo ben dos cidadáns pontevedreses”, destacou Cubela.
Nesta liña, Cubela lembrou que neste primeiro ano de mandato dos populares, destacan o impulso ao deporte, os investimentos municipalistas, a colaboración con todos os concellos, a creación de emprego, o apoio a máis dun milleiro de asociacións, así como a aposta por un turismo de récord ligado ao deporte e á natureza, entre outros. Ademais da creación de máis de 700 postos de traballo e dun departamento novo centrado na xuventude e no reto demográfico.
Entre outros investimentos destacou os 13,3 millóns comprometidos para a construción da nova Grada de Gol de Balaídos, os 7,5 millóns para as cidades de Vigo e Pontevedra, os 6 millóns de euros en convenios cos concellos para a mellora das estradas ou os 4 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
“Tendemos pontes coa Xunta na transferencia de Lourizán, da Escola de Canteiros, dos centros educativos de Príncipe Felipe, na recuperación de Santa Clara, na compra do Cine Fraga ou co regreso de Rías Baixas ao stand de Turismo de Galicia en Fitur”, explicou Cubela.
“Finalizamos un ano tendendo pontes. Pero continuaremos traballando para fortalecer os que sempre nos uniron como territorio e abrir outros novos”, indicou o voceiro provincial.