Luis López proclama ao PP como “o partido da provincia de Pontevedra” tras pechar un “ciclo exitoso” con catro vitorias electorais no último ano culminado nas Europeas
Luns, 10 de xuño de 2024.
O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, proclamou esta mañá á formación que dirixe como “o gran partido da provincia” tras pechar onte, co gallo das Eleccións Europeas 2024, un “ciclo moi exitoso” no que se obtiveron catro vitorias nun ano neste territorio -previamente as Municipais 2023, Xerais 2023 e Autonómicas 2024- tras acadar un novo triunfo nos comicios continentais con case o 40% das papeletas emitidas.
“Estamos moi satisfeitos dos resultados obtidos nos catro procesos que vivimos, con moita intensidade, nas últimas 54 semanas, xa que conseguimos, co liderado de Alfonso Rueda en Galicia e co traballo enorme das 61 agrupacións locais da provincia, un pleno de vitorias, algunhas delas moi rotundas. Todo elo creo que confirma que estamos plenamente de volta, que somos o gran partido de referencia para os pontevedreses e, ademais, non tocamos teito nin moito menos porque estamos en constante ascenso e a xente cada vez nos amosa un maior apoio”, sinalou o mandatario popular a modo de valoración da vitoria obtida nas Eleccións Europeas do 9X.
Luis López salientou que o PP foi a forza que máis subiu, con moita diferenza, na provincia de Pontevedra, xa que obtivo un crecemento de case o 13% ata situarse no limiar do 40% dos votos cun resultado moi parello ao das Eleccións Xerais do pasado mes de xullo. “Fronte á nosa contundente vitoria e a nosa importantísima suba, atopámonos con outro afundimento do PSOE, algo xa habitual nos últimos tempos polo maltrato ao que somete á provincia e aos pontevedreses desde Madrid e coas súas políticas alonxadas dos intereses desta terra, e ao incumprimento de expectativas por parte do BNG, que falaba de comerse o mundo e non chegou nin ao 18% de apoios”, significou.
O presidente do PP Provincial destacou tamén, na súa análise dos resultados, que o PP foi a forza máis votada en 58 dos 61 concellos da provincia e que superou o 45% das papeletas en trinta municipios, chegando a rebasar o 75% en Dozón, que é o mellor resultado da provincia, e o 60% na Lama. Ademais, engadíu que os populares tamén obtiveron máis da metade dos votos na Cañiza, Agolada, Arbo, Campo Lameiro, Crecente, Forcarei, Lalín, Meaño, Meis, Moraña, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.
Finalmente, Luis López trasladou os parabéns ao presidente Alfonso Rueda, polos “magnífico resultados” obtidos en Galicia, que foron os mellores de entre todas as comunidades autónomas, e agradeceu o traballo dos dous candidatos e xa europarlamentarios electos, os pontevedreses Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, dos 61 alcaldes, voceiros e presidentes locais do PP, dos 422 concelleiros e dos 3.200 apoderados e interventores dos populares tanto durante os quince días de campaña como na xornada de votacións do 9X.
“Estamos nun momento doce que queremos prolongar no tempo, pero detrás del hai moitísimo traballo de moita xente, comezando polo presidente Rueda, que exerce como primeiro dos pontevedreses no noso partido, ata o último dos militantes. Na provincia saben, cada día máis, que somos o partido que escoita, entende e atende á xente e imos seguir por esta liña de servizo pleno aos pontevedreses porque é o noso xeito de facer política e tamén polo agradecemento que lles debemos ante tanto respaldo electoral”, concluíu o presidente popular.