O PP eríxese en Moaña como defensor do mar, a pesca, o marisqueo e o litoral fronte aos ataques normativos e a restriccións de PSOE e BNG para “acabar co sector”
Martes, 28 de maio de 2024.
O PP erixíuse en Moaña como o “gran defensor” do mar, a pesca, o marisqueo e a cadea mar-industria do litoral fronte aos ataques normativos, os infundios e as restriccións emprendidas polo PSOE e o BNG, tanto desde o Goberno de España como desde a Unión Europea, para “acabar co sector agochándose detrás de falsas promesas de apoio”.
Os populares centraron no sector do mar o seu mitin celebrado este serán no Clube de Xubilados Nosa Señora do Carme de Moaña, que contou coa presenza da secretaria xeral do PP Provincial, Luisa Piñeiro; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez; a presidenta do PP de Vigo, Ana Ortiz; e o voceiro municipal do PP local, Javier Carro.
“Sabedes que estamos plenamente comprometidos co mar, coa pesca, co marisqueo e coa xente da costa, porque o PP sente que o mar forma parte da identidade de Moaña e de Galicia e, por suposto, é fundamental para a nosa socioeconomía”, comezou Luisa Piñeiro, que apostillou que os moañeses saben que “a Xunta, co PP, sempre ten a man tendida, sempre aposta polo diálogo, sempre busca solucións e, máis pronto que tarde, sempre acada consensos e as mellores alternativas para o futuro do sector ante os problemas que sempre xurden por razóns moi diversas ou polos atrancos que xera a propia natureza nun medio tan incontrolable coma o mar. En definitiva, as xentes do mar sabedes que no PP tedes quen vos escoita, quen vos entende e quen vos atende, polo que necesitamos un gran apoio en Europa para ter máis forza para coidar á xente do mar, para coidarvos a todos vós”.
Ataques ao sector de PSOE e BNG
E fronte a isto, os populares lamentaron que as outras alternativas pasan por un Partido Socialista que tivo a “desfachatez e aldraxe con Galicia” de presentar a Teresa Ribera, “que sempre se amosou como unha gran inimiga do litoral galego e da cadea mar-industria, á que pretende erradicar da costa galega para deixar todo este territorio sen vestixio humano como hai setenta anos e que pode facer moito dano a concellos como Moaña ou á bisbarra do Morrazo desde Europa”.
Así mesmo, lembrou que a socialista foi a ideóloga do “lamentable e partidista” recurso de inconstitucionalidade do Goberno de España contra a Lei do Litoral de Galicia, que afortunadamente foi tumbado polo Tribunal Constitucional, polo que a normativa impulsada polo PP vai entrar en vigor e poderá defender ao sector e mediatizar os “nocivos efectos” do Regulamento de Costas dos socialistas.
Ademais, os populares tamén lamentaron o “escurantismo” do BNG en materia de pesca, “xa que agocha que está aliñado en Europa coa coalición dos Verdes, na que tamén se atopa o comisario do sector e que aplica un ecoloxismo radical e sen sentido, totalmente descoñecedor da realidade do sector e do mar porque quere vetar e prohibir, ata onde lle deixen, a práctica da pesca e non saben que ninguén como a xente de Moaña, do Morrazo e de Galicia para preservar e coidar os bancos pesqueiros e marisqueiros”.
“Votar ao PSOE e ao BNG é apostar por opcións inimigas e contrarias aos intereses de Moaña, porque as súas políticas se orientan a que deixedes de ollar para o mar e non poidades vivir del, como sempre fixestes”, concluíron os populares.