Paula Prado pide en Salceda de Caselas un voto masivo para o PPdeG o 9 de xuño “para que haxa máis Galicia en Europa”
Luns, 27 de maio de 2024.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apelou aos resultados do PP de Salceda de hai un ano, onde a vitoria non foi dabondo para impedir que se xuntasen os perdedores das eleccións: “Aquel 28 de maio non puidemos conseguir a alcaldía, pero 1 de cada 2 salcadenses votaron a Santi Rodríguez Davila”, o candidato e portavoz municipal do PP local. “Hoxe podemos dicir que Salceda é do PP”, engadiu, “e estou segura de que, como en moitos concellos da contorna, en tres anos teremos un goberno local do Partido Popular”.
“Aquí o PP demostra que é o partido dos maiores, dos mozos, das mulleres… o que máis se parece aos galegos e ás galegas”, explicou, subliñando que os populares “poden mirarlle aos ollos aos veciños e ás veciñas, a diferenza de Sánchez e dos candidatos de PSOE e BNG, que se presentan ás eleccións europeas con políticas nefastas para Galicia, para España e para todo o sur da Provincia”.
Neste senso, a número dous dos populares pediu aproveitar a oportunidade que ofrecen os comicios do 9 de xuño para levar ás institucións europeas a moderación, a xestión, o sentidiño… “en definitiva, a mellor resposta para que haxa máis Galicia en Europa: un voto masivo ao PPdeG”.
“Aquí gañamos as municipais e axudastes a recuperar a Deputación provincial; despois gañamos as xerais; logo gañamos as autonómicas con Alfonso Rueda… e agora imos polas eleccións europeas!”, afirmou Prado.
Para iso, a líder popular chamou aos asistentes, e a todos os militantes e simpatizantes do PP, a pedir o voto, para que haxa un reparto xusto dos fondos da UE, por un Estado de Dereito pleno e forte, para loitar polo rural, a pesca ou a agricultura fronte ao ecoloxismo de pancarta: “Respondamos xuntos. Respondamos votando”, concluiu, “porque así nos irá mellor a Galicia, a España e a Europa”.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, que estivo acompañado pola secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e o voceiro municipal de Salceda, Santi Davila, animou aos preto de 150 asistentes ao mitin a “vencer á apatía e votar ao Partido Popular” dentro de 15 días poñendo en valor o traballo e as políticas da formación en Europa a prol dos intereses de Galicia na axenda urbana, a política pesqueira, a defensa das rúas, o desenvolvemento agrogandeiro, o Corredor Atlántico, a axilización do AVE con Portugal ou a chegada dos fondos europeos para a industria.