O Grupo Popular da Deputación presenta unha moción onde solicita ao Ministerio de Transición Ecológica que revoque de maneira inmediata a decisión de paralizar a construción da derradeira fase do paseo marítimo de Pontevedra a Marín
Pontevedra, 18 de abril de 2024.
O Grupo Popular da Deputación de Pontevedra vén de rexistrar unha moción para solicitar ao Ministerio de Transición Ecológica que revogue a súa decisión de paralizar a construción da derradeira fase do paseo marítimo entre os concellos de Pontevedra e Marín e que proceda á súa execución inmediata.
O presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, estiveron esta mañá no paseo marítimo onde indicaron que lamentan profundamente a postura do PSOE pontevedrés, que inicialmente se posicionou rotundamente contra esta decisión de paralización e posteriormente suavizou a súa postura alegando que se está a buscar unha solución que o único que vai provocar é un novo retraso nunha obra que leva vinte anos sobre a mesa.
Rafa Domínguez expresou o seu asombro ante o anuncio da paralización da obra, xa que, segundo explicou, ou ben o Ministerio de Transición Ecológica deseñou e chegou a contratar a execución dun proxecto ilegal segundo a normativa aprobada por el mesmo, ou ben este cambio de criterio e a anulación deste proxecto teñen connotacións de carácter político para castigar, sen que saibamos os motivos, aos concellos de Pontevedra e Marín, que están gobernados polo BNG e o PP, respectivamente, e nos que o PSOE, que sustenta ao Goberno de España, está fóra dos seus executivos.
Pola súa banda, María Ramallo considerou que “é certamente sorprendente que o Ministerio avanzara tanto nun proxecto, ata chegar a adxudicalo, se non cumpría a lexislación como agora afirma, e tampouco entendemos que sosteña que se están a buscar alternativas para a súa execución sen invadir a ría de Pontevedra, xa que o proxecto inicial e aprobado polo Ministerio contemplaba pilotar a infraestrutura sobre a ría. Agora danlle a vola e din que está invadindo a ribeira do mar e recalcan que se estaría incumprindo a lexislación de Costas. Sinceiramente non é doado de entender que se queira paralizar unha obra, só polo afán de facer dano, perxudicando a tantos veciños e veciñas de ambos pobos”
Os concellos de Pontevedra e Marín levan reclamando, durante os últimos anos, que se complete a construción do paseo marítimo peonil que conecta ambos municipios de xeito paralelo á estrada PO-11 despois da posta en funcionamento dun primeiro treito. De feito, dita actuación, a través dunha pasarela de máis de 700 metros sobre a lámina de auga da ría de Pontevedra entre Mollavao e Os Praceres, chegou a ser incluída nos Orzamentos Xerais do Estado do ano 2022 cunha partida de 1,7 millóns de euros e incluso procedeu a licitarse e adxudicarse por 2,5 millóns en xuño de 2020, aínda que as obras nunca chegaron a iniciarse en base a supostos problemas técnicos detectados pola Dirección General de Costas.
Os populares lembraron tamén que a obra para completar este paseo marítimo viña recollida no pacto entre o PSOE e o BNG para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno- “Non podemos deixar de lamentar, unha vez máis, outro incumprimento do mesmo e que demostra que, ademais de ser papel mollado, vólvese a actuar en claro prexuízo dos intereses de Galicia, da provincia de Pontevedra, e agora concretamente de Marín e Pontevedra”, lamentou Rafa Domínguez.