O Comité Executivo Local do PP da Estrada propón por unanimidade a Gonzalo Louzao Dono como candidato á Alcaldía
A Estrada, 16 de abril de 2024.
O Comité Executivo Local do PP da Estrada vén de aprobar por unanimidade a proposta de que Gonzalo Louzao Dono, actual concelleiro de Urbanismo, Feiras e Medio Rural, sexa o candidato á Alcaldía en substitución de José López Campos, que onte tomou posesión como novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
O máximo órgano interno do partido reuniuse esta noite na súa céntrica sede da Praza de Galicia, xusto despois do pleno extraordinario da corporación no que se deu conta da renuncia de José López á Alcaldía, e refrendou co máximo e absoluto consenso de todos os seus membros a candidatura deste xove edil, de 29 anos de idade e que se incorporou ao goberno local tras as eleccións municipais de 2019.
“Coñezo ben aos meus compañeiros porque levo con eles moitos anos e calquera dos 13 concelleiros podería desempeñar con pleno acerto esta responsabilidade, pero creo que atinaron de cheo ao apostar pola valía, a capacidade de traballo, a cercanía, a dispoñibilidade máxima e o futuro de Gonzalo, que estou seguro que vai liderar o novo ciclo político que se abre agora con moitos éxitos tanto para A Estrada como para o Partido Popular”, manifestou o ex rexedor e tamén presidente do PP local.
José López quixo destacar a “xenerosidade de todos os que formamos o PP da Estrada e a visión estratéxica” de apostar por un concelleiro “que no seu momento representou unha importante renovación e achegou un sopro de aire fresco ao executivo e que, nestes cinco anos de bagaxe, demostrou unha enorme capacidade en todos os ámbitos e unha predisposición absoluta na atención aos veciños, que son o máis importante e aos que nos debemos en exclusiva”.
A intención do PP local pasa por manter nestas semanas o traballo habitual desde o Concello, “algo para o que non haberá ningún problema porque o seu funcionamento está perfectamente engraxado e todos os proxectos están lanzados grazas ao traballo que sempre fixemos en equipo” e celebrar posteriormente o pleno de elección e investidura de novo alcalde tras a chegada das credenciais e toma de posesión da nova concelleira, a número 14 da candidatura, Jessica Rodríguez Calviño.