O PP esixe ao Ministerio de Transportes a mellora do firme e da seguridade viaria nos 75 quilómetros das tres estradas nacionais das comarcas de Pontevedra e O Morrazo
Luns, 15 de abril de 2024.
O PP vén de esixirlle ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que acometa de xeito urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 75,4 quilómetros das tres estradas nacionais que percorren as bisbarras de Pontevedra e O Morrazo, a N-550, N-541 e N-554, xa que se atopan nun estado moi deficiente por mor da nula ou escasa labor de mantemento e conservación ao longo dos últimos seis anos.
Os populares fixeron esta reclamación ao pé da N-550 no Concello de Barro coa presenza da deputada Ana Pastor, a senadora Pepa Pardo; os deputados autonómicos José Balseiros, Loli Hermelo e Marta Mariño; o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, o deputado provincial e alcalde Jorge Cubela, e o vicepresidente do PP de Barro, Miguel Batallán.
Os representantes do PP nas distintas cámaras e nos municipios de Pontevedra e O Morrazo destacaron o apoio a esta reivindicación, “que se fai máis necesaria ca nunca porque as estradas nacionais están no peor estado da súa historia” –en palabras de Ana Pastor e Pepa Pardo–, por parte da Deputación de Pontevedra, que vén de aprobar unha proposta do PP Provincial solicitándolle ao Goberno de España a inmediata modernización desta rede estatal nos 317,5 quilómetros das 11 vías destas características que percorren 27 municipios de Pontevedra.
Os populares sinalaron que as tres estradas nacionais que percorren estas dúas bisbarras polos concellos de Pontevedra, Barro, Vilaboa, Soutomaior, Cerdedo-Cotobade e Moaña –que teñen case o 25% dos quilómetros da rede de estradas nacionais na provincia– presentan numerosas deficiencias e desperfectos, sobre todo no que se refire ao estado do firme con innumerables fochancas, fendas e desniveis na plataforma, graves problemas de drenaxe, mala sinalización, falla de visibilidade, peraltes deteriorados e cruces perigosos, como consecuencia das escasas ou nulas labores de mantemento e conservación realizadas polo Ministerio de Transportes nos últimos seis anos.
Ademais, indicaron que estas tres estradas de titularidade estatal alleas ás vías de alta capacidade son fundamentais para a vertebración e a mobilidade dos veciños destas bisbarras, posto que son empregadas diariamente por ata 37.406 usuarios por xornada, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes.
En concreto, as estradas sobre as que se demanda unha actuación urxente son as seguintes:
Estrada | Percorrido | IMD máxima | Quilómetros |
N-550 | Barro-Pontevedra-Vilaboa-Soutomaior | 21.841 | 32,1 |
N-554 | Vilaboa-Moaña | 10.022 | 10,1 |
N-541 | Pontevedra-Cerdedo-Cotobade | 5.543 | 33,2 |
Ao respecto, Ana Pastor e Pepa Pardo explicaron que esta proposta “é máis que xusta e necesaria porque o deterioro é evidente e perigoso e xurde do propósito do PP de defender ao noso territorio e esixir as melloras que nos corresponden fronte ao maltrato e abandono ao que nos ten sometido o PSOE desde o Goberno de España e, sen dúbida, o mal estado destas tres estradas nacionais é unha das principais preocupacións dos milleiros de usuarios que as empregan cada día”. “Invístese tres veces máis nesta materia en Cataluña malia ter unha rede estatal máis cativa ca galega, e o Goberno de España aínda ten proxectadas ou en marcha certas actuacións nas provincias de Lugo e A Coruña, pero a nosa provincia tena completamente de lado e iso afecta gravemente á seguridade viaria”, detallaron a deputada e senadora pontevedresas.
As dúas representantes en Madrid engadiron que esta situación vén de ser denunciada, practicamente a diario, polos distintos grupos municipais dos seis concellos, veciños, usuarios, transportistas e ata o sector turístico, “e incluso foi admitida polo propio ministro Óscar Puente o pasado 7 de febreiro no Congreso dos Deputados e tamén polo PSOE e o BNG, que recolleron no seu acordo para a investidura de Pedro Sánchez o arranxo de Tramos de Concentración de Accidentes na N-550 e a N-541, dos que por certo nada sabemos, polo que cremos que hai unha unanimidade que xa se está a converter en clamor”.
Finalmente, o deputado provincial e alcalde Jorge Cubela, impulsor do chamado Pacto de Pedre, lamentou que o Goberno de España se agoche “detrás dunha insuficiente mellora da N-541 que se centra basicamente en Forcarei, e da que non sabemos data malia anunciarse hai 14 meses, e dun contrato de mantemento plurianual de 112 millóns para cinco comunidades autónomas que non responde ás necesidades que teñen as estradas nacionais das nosas bisbarras e da provincia” e apostillou que os organismos automobilísticos independentes, como RACE ou AEA, recollen unha ducia de puntos negros na provincia, dos que dez pertencen á rede estatal e dous deles sitúanse na N-541.
Ante esta situación, os populares anunciaron que van seguir coa liña de esixencia e demanda nesta materia ante o Ministerio de Transportes e, ademais de permanecer vixilantes en Madrid ante a evolución da proposta aprobada pola Deputación a través dos deputados e senadores nacionais, van presentar mocións nos 27 concellos da provincia polas que discorren estas estradas nacionais para seguir dándolle continuidade á reivindicación emprendida desde o organismo provincial presidido por Luis López.