Comesaña: “A única privatización sanitaria que se fixo en Galicia nestes anos fíxoa Besteiro no cárcere de A Lama”
Domingo, 11 de febreiro de 2024.
O conselleiro de Sanidade e candidato na lista do PPdeG por Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou hoxe os arredores da prisión da Lama xunto ao alcalde, David Carrera, e membros da corporación municipal para denunciar a privatización do servizo sanitario deste centro por parte do Goberno de España no tempo no que o seu representante en Galicia como Delegado do Goberno era o hoxe candidato socialista á Xunta, Gómez Besteiro.
Comesaña salientou o contexto de falta de especialistas de medicina de familia e pediatría que se da en toda España pola “ineficacia do multipartito do Goberno de España” na súa xestión do sistema estatal de formación sanitaria, un problema de nivel estatal que levou ao Ministerio de Sanidade a rectificar este venres e acceder á petición de reformar o sistema que Galicia e a meirande parte das comunidades autónomas viñan tempo reclamando.
Criticou o conselleiro que “ante un problema xerado pola súa desidia dos últimos seis anos”, o multipartito do Goberno de España optase pola “decisión que nunca lle perdoarían a un goberno do PP: privatizar o servizo”. Comesaña exhibiu un documento obtido da Plataforma de Contratación do Sector Público que acredita que o Goberno de España contratou en xuño de 2023 cunha empresa privada o “servizo médico externo de atención primaria para prestar asistencia sanitaria aos internos do Centro Penitenciario A Lama”.
Un contrato que, destacou, nin sequera esixe que o persoal médico que atenda a estas persoas sexa especialista en medicina de familia. O tamén candidato popular ás eleccións autonómicas lembrou que o responsable da xestión do Goberno de España en Galicia no tempo de tramitación deste contrato era, como Delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro.
Comesaña puxo en dúbida a idoneidade de Besteiro para prometer “que haxa máis médicos” ou “garantir todas as citas médicas en 48 horas” algo que, lembrou “non consigue agora en España ningunha comunidade autónoma, tampouco as gobernadas por socialistas ou independentistas”. “Se cadra é que pretende contratar empresas privadas para dar esa asistencia en 48 horas como fixo aquí”, ironizou.
Praza fixa de pediatría para A Lama
Comesaña contrapuxo esta actuación de Besteiro como representante do “multipartito do Goberno de España” coas actuacións da xunta de Galicia que van resultar na inminente adxudicación dunha pediatra con praza fixa para dar servizo aos concellos de A Lama, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas.
Esta adxudicación, expuxo, é o resultado dun concurso que se puido convocar grazas á Lei promovida pola Xunta de Alfonso Rueda para permitir ofrecer prazas fixas en propiedade de difícil cobertura sen oposición a médicos e pediatras especialistas. “Unha lei, por certo, á que votaron en contra os socialistas e os independentistas do Bloque”, lembrou.
O conselleiro finalizou resaltando que en A Lama poden contrastarse “os dous modelos de como afrontar problemas de xestión dos recursos públicos”: o modelo do “sentidiño” dos gobernos responsables e estables como o do presidente Rueda e o modelo do “barullo” e da improvisación dos “multipartitos”.
“A Lama é un exemplo moi claro do que é a Galicia que funciona fronte a un multipartito que nin funciona no Goberno de España nin queremos velo na Xunta de Galicia”, concluíu.