Comesaña sinala o Novo Montecelo como froito “dun goberno estable” que mellora a sanidade pública e compromete a súa fase 2
Domingo, 11 de febreiro de 2024.
O conselleiro de Sanidade e candidato na lista do PPdeG por Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou hoxe xunto as candidatas pontevedresas María Martínez e María Deza, a secretaria xeral do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro e todos os alcaldes e voceiros do distrito sanitario de Pontevedra, as obras do Hospital Novo Montecelo que o Goberno galego finalizará este ano 2024 e nas que se levan investido 90 millóns de euros na súa construción, que chegará aos 130 millóns.
Comesaña fixo fincapé nos servizos que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorporará grazas á nova infraestrutura sanitaria. “Cos novos servizos de radioterapia e medicina nuclear, preto de 500 pacientes ao ano non terán que desprazarse a Vigo para recibir este tipo de tratamentos”, indicou o conselleiro e candidato.
Igualmente, dotarase por primeira vez a esta área dunha UCI pediátrica e porase en marcha un hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil, dentro do compromiso do goberno de Alfonso Rueda pola mellora da atención á saúde mental que se demostrou nesta lexislatura coa creación deste servizo, que permite realizar terapias intensivas que evitan ingresos psiquiátricos dos rapaces, nas restantes áreas sanitarias.
Estes avances, en palabras de Comesaña, serán froito “do traballo que temos feito e serán un exemplo de que, cun goberno estable do PP, a sanidade pública mellora e a cidadanía gaña servizos”.
Compromiso coa Fase 2
Para a vindeira lexislatura, o programa electoral do PPdeG recolle expresamente o compromiso de levar a cabo a fase 2 do Novo Montecelo. Esa segunda fase suporá reformar o edificio do actual Hospital de Montecelo para despois trasladar a unhas instalacións reformadas os servizos do Hospital Provincial conseguindo, por unha banda, “ter integrada toda a infraestrutura hospitalaria pública da cidade de Pontevedra nunha gran cidade sanitaria” e, por outra, “poder darlle ás instalacións do Provincial ese novo uso de residencia universitaria que comprometeu o presidente Rueda”.
“Todo este traballo en prol da saúde e do benestar da veciñanza desta cidade e da súa área sanitaria foi e será liderado por un veciño de Pontevedra comprometido coa súa cidade e coa sanidade pública como é Alfonso Rueda”, finalizou o conselleiro.