O Senado aproba a gratuidade da AP-53 sen o apoio do PSOE
Xoves, 08 de febreiro de 2024.
O Senado vén de aprobar a gratuidade da AP-53 sen o apoio do PSOE. O senador por Pontevedra, José Crespo, explicou que a solución definitiva á peaxe “abusiva” da AP-53 pasar por liberalizar a peaxe no tramo estatal, tal e como hoxe aprobouse na moción do PP que defende a gratuidade nesta vía.
Na actualidade a AP-53 ten un dobre modelo de xestión: o tramo entre Santiago de Compostela e Alto de Santo Domingo, de titularidade estatal e de pago; e o tramo Alto de Santo Domingo-Ourense, que é de titularidade autonómica e que non presenta custe para os usuarios, a través da solución de peaxe en sombra adoptada pola Xunta de Galicia.
A moción dos populares aprobada na comisión, a pesar da abstención do PSOE, propón a gratuidade en toda a autoestrada a través da peaxe na sombra, tal e como ocorre co tramo que une Alto de Santo Domingo e Ourense. “Unha proposta que mesmo apoia o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Gómez Besteiro, e o parlamento galego por unanimidade”, sinala o senador pontevedrés.
Para Crespo a iniciativa do PP aprobada hoxe “liquidaría” o problema estrutural das “peaxes abusivas e desproporcionadas” da AP-53. Ademais, contribuiría á vertebración do interior de Galicia; desconxestionaríase o tráfico; melloraría a calidade de vida dos galegos, “xa que son moitos os que usan a diario esta autoestrada”; aumentarían os niveis de competitividade en todos estes territorios; e constituiríase un eixo único Santiago-Ourense libre de peaxe.
Por todo iso, o senador galego subliña que a liberalización da “peaxe abusiva” da AP-53 debe ser uns dos “obxectivos estratéxicos” do Goberno de España con Galicia. Antes de concluír, José Crespo denunciou que o tramo de pago de titularidade estatal entre Santiago de Compostela e Alto de Santo Domingo é o máis caro de España e é o único que non está a aplicar ningún tipo de bonificación, o que supón un agravio comparativo para Galicia.