Os candidatos populares José Gonzaléz e José Balseiros reiteraron hoxe a importancia que ten para a nosa comunidade a posta en marcha do Plan estratéxico da horta por parte do Goberno galego
Mércores, 7 de febreiro de 2024.
Os candidatos populares José González e José Balseiros, acompañados da voceira popular de Tomiño, Lara Meneses, fixeron esta tarde unha visita á empresa Veraleza, situada neste concello pontevedrés, onde remarcaron a importancia que ten para a nosa comunidade a recente posta en marcha do Plan estratéxico da horta por parte do Goberno galego.
Este novo Plan reforza o carácter referencial de Galicia na produción hortícola de calidade, a través de eixos fundamentais como a sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer afondar no atractivo dos nosos produtos no mercado, xerando máis valor económico e novas oportunidades de emprego e emprendemento no territorio, explicou o popular José González.
A maiores, procura diversificar a produción hortícola galega e seguir mellorando a súa competitividade. Prevese afondar na profesionalización do sector para que conte con produtos de diferentes tempadas unha produción desestacionalizada, favorecendo a rendibilidade dos produtores e fortalecendo o desenvolvemento económico do rural.
José González indicou a importancia do sector hortícola no agro galego, xa que é o terceiro eido máis importante e conta con gran peso económico no referido ao valor total da produción agraria. Ademais, Galicia ocupa a cuarta posición a nivel nacional en termos de valoración económica da súa produción, xa que representa o 8,5% da produción hortícola española, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.
Cabe destacar que as principais producións hortícolas en Galicia con destino ao mercado son, a pataca, o pemento, o tomate, o feixón, a cebola, o repolo e a leituga. A produción total deste sector na comunidade galega supuxo, con datos do 2019, un total de 683.587 toneladas.
Datos coma estes xustifican a necesidade de desenvolver unha estratexia para o sector, co obxectivo de analizar a súa situación e establecer unha folla de ruta que permita fortalecer un eido que ten amosado unha máis que probada capacidade de xeración de valor, riqueza e emprego nos espazos rurais da nosa comunidade.
Esta estratexia da horta, que se aplicará xunto a novas ferramentas lexislativas como a Lei da Calidade Alimentaria -que entrou hoxe mesmo en vigor-, súmase ás xa activadas pola Xunta nesta última lexislatura, para sectores chave do rural como son o lácteo, o cárnico, o vitivinícola e o forestal.