Luis López pídelle aos veciños do Porriño un “apoio masivo” como nas municipais para que o PP revalide a Xunta “e se manteña o elevado ritmo de investimentos” no Concello
Xoves, 1 de febreiro de 2024.
O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, realizou hoxe unha visita ao Porriño e pediulle publicamente á veciñanza que preste un “apoio masivo” a Alfonso Rueda nas eleccións do 18 de febreiro “coa mesma forza que nas municipais” –cando o PP obtivo un 65%– para que revalide a presidencia de Xunta “e se manteña, con toda a potencia, o elevado rimo de investimentos” que se están a acometer no Concello desde o Gobero galego.
“Os veciños do Porriño teñen que elixir entre un presidente como Alfonso Rueda e un partido que ten sensibilidade e cumpre coas demandas deste municipio e un multipartito de esquerdas que non ten as súas preferencias nesta terra e co que se corre un risco serio de parálise dos moitos investimentos en marcha e dos que se proxectan para o futuro do Porriño”, sinalou Luis López, que estivo acompañado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, as candidatas María Martínez e Feli Carrera e membros do goberno local.
O presidente popular especificou que o compromiso do PP desde a Xunta co Porriño materializouse na derradeira lexislatura en investimentos por importe de 41.044.780 euros, “o que supón unha media de máis de 10 millóns de euros anuais e que vai medrando, exercicio a exercicio, polo gran traballo do alcalde e pola colaboración de Alfonso Rueda”. Por elo, e dado que ritmo de investimentos é claramente crecente, Luis López fixou como obxectivo e intención do PP para o vindeiro mandato 2024- 2028 a superación desta “alta cifra” de fondos obras, equipamentos e servizos do Porriño.
Visita ao Centro Sociocomunitario
Pero a maiores destas partidas para a modernización de infraestruturas, o tamén presidente da Deputación de Pontevedra, aproveitando a visita ao Centro Sociocomunitario da vila, salientou que a Xunta está a transferir máis de 3,6 millóns de euros anuais ao Concello para atender aos 1.810 veciños que máis o necesitan a través dos Servizos Sociais.
Así, destínanse 731.808 euros ao Servizo de Axuda no Fogar, outórganse –desde o mes de xaneiro– 988.200 euros para os 206 beneficiarios do municipio dos bonos de coidado no fogar e na residencia e máis de 1,4 millóns de euros para a gratuidade das 404 prazas das seis escolas infantís, entre outras accións.
“É necesario que o Concello do Porriño manteña estas achegas sociais para atender ás familias, cativos, maiores, dependentes e persoas en risco de exclusión e, ademais, tamén seguir cos fortes investimentos nesta materia, como os 2 millóns para a construción da residencia para persoas con necesidades especiais de tipo intelectual”, significou Luis López.