Ana Pastor e Irene Garrido denuncian a privatización da sanidade penitenciaria en Galicia e a falta de xestión do Goberno de España co 60% das prazas de médicos vacantes nas cárceres galegas
Pontevedra, 15 de decembro de 2023
As deputadas populares, Ana Pastor e Irene Garrido compareceron hoxe en rolda de prensa para denunciar a privatización da sanidade penitenciaria en Galicia. Lamentaron a falta de xestión do Goberno central nun eido tan importante como o sanitario, que confirmaron a través dunha resposta a unha pregunta parlamentaria dos deputados galegos do PP que ten vacantes o 60% das prazas de médicos nas cárceres galegas.
Segundo explicou Irene Garrido, debido a esta falta de médicos nas cárceres galegas, o Estado está contratando a empresas de sanidade privada eses servizos asistenciais xa que non cubren as prazas con persoal propio
Irene Garrido indicou que o pasado mes de xuño o Portal de Contratos Públicos recollía a formalización por parte do Goberno de España dun contrato cunha empresa sanitaria privada de “servicio médico externo de atención primaria para prestar asistencia sanitaria aos internos del Centro Penitenciario A Lama” por un importe de 65.520€.
O contrato licitouse en abril deste ano e adxudicouse en xuño. “Hai que lembrar que a persoa responsable da administración xeral do Estado en Galicia nese periodo, como Delegado do Goberno, non era outro que José Ramón Gómez Besteiro”, indicou a deputada popular.
“Despois de anos de falar desde a esquerda de falsas privatizacións da Xunta na sanidade pública, resulta que a única privatización sanitaria que se ten feito en Galicia nos últimos 15 anos a fixo Besteiro. Porque aos reclusos de A Lama agora os atenden médicos dunha empresa privada, non médicos públicos”, lamentou Irene Garrido.
Nesta mesma liña, indicou que resulta inaudito que o mesmo partido que di que nos centros de saúde do Sergas non se cubren as baixas de médicos porque o Goberno non quere, logo non sexa capaz de cubrir as baixas dos seus médicos e ademais, ante esa situación, a súa única opción sexa privatizar o servizo. É inexplicable que o propio Besteiro acuse á Xunta de insolvencia e de falta de planificación na xestión sanitaria cando el mesmo non foi capaz de atopar e dar unha solución cando era o Delegado do Goberno en Galicia.
Irene Garrido lembrou que este ano o propio conselleiro de Sanidade tivo que escribir ao Delegado do Goberno e ao Ministro para esixir que o cárcere de Teixeiro, en Curtis, deixase de sobrecargar aos médicos do centro de saúde de Curtis chamándoos para atender aos reclusos porque alí non tiñan médicos en lugar de buscar alternativas para ter na prisión o servizo médico que é a súa obriga ter. “A realidade é que a única sanidade que é competencia do Goberno central: dos socialistas, de Sumar e co apoio do BNG, esa si está desmantelada e privatizada”, indicou Garrido.
Pola súa banda, Ana Pastor instou ao Goberno central que garanta a asistencia sanitaria ás persoas reclusas nos centros penitenciarios das súas competencias, polos seus propios medios, e así evitar a sobrecarga dos centros de saúde do Sergas. Ao mesmo tempo a que tome medidas de carácter nacional para paliar o déficit que se dá tanto na sanidade penitenciaria como no conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
Ana Pastor indicou que a Xunta leva tempo facendo todo o posible para ter máis profesionais na atención primaria galega, duplicando as prazas formativas de medicina de familia nos últimos 15 anos; creando nos últimos cinco anos, máis de 570 novas prazas de persoal sanitario neste nivel asistencial, especialmente de enfermaría, fisioterapia ou farmacia; incorporando neste ano os servizos de nutricionistas e de equipos de enfermaría a domicilio na atención primaria; ofertando a todos os especialistas en medicina de familia e pediatría que rematen a súa residencia contratos estables de tres anos para exercer na atención primaria; e sendo a primeira comunidade autónoma en lexislar para poder incentivar as prazas de máis difícil cobertura ofrecéndoas sen necesidade de oposición, cun concurso de méritos que xa permitiu incorporar 106 profesionais o ano pasado nos centros de saúde e que está a piques de resolverse este ano para incorporar outros 72 médicos de familia e 60 pediatras.
“Mentres o Goberno galego si está tomando medidas para paliar este déficit de profesionais, o Goberno de Sánchez segue de brazos cruzados. Este problema require unha solución nacional. E unha solución que non hai que inventala: leva desde abril de 2018 enriba da mesa e aprobada por unanimidade no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Pactouna o goberno de Rajoy con todas as comunidades autónomas. Dous meses despois, entrou o goberno de Sánchez e pasaron xa seis ministros de Sanidade sen executar eses acordos”, indicou Ana Pastor.
A deputada popular indicou que o que hai que facer e reformar e flexibilizar o sistema MIR para que se poidan crear máis prazas formativas da especialidade de medicina de familia. “Propoñemos unha medida de choque: 1.000 prazas desta especialidade máis nos vindeiros 4 anos. Esta demanda non é do PP. Respáldana gobernos autonómicos como o vasco ou o catalán, que asinaron un manifesto con Galicia esixindo a necesidade destas medidas. E aprobouse o ano pasado no Congreso dos Deputados a proposta do PP, co voto favorable da maioría da Cámara e cos votos en contra do PSOE, dos partidos que hoxe forman Sumar e do BNG”, explicou Ana Pastor.
Polo tanto, vemos como a Administración que ten a capacidade de pór solución a esta situación, o goberno central, mantense de brazos cruzados e o déficit de especialistas continua agravándose, sendo tal a situación, que o propio goberno de España viuse obrigado a recorrer á contratación a empresas de sanidade privada.
As comunidades autónomas nas que goberna o PP non queren facer o que fixeron Sánchez e Besteiro na sanidade que eles xestionan, que é resolver a falta de médicos privatizando. Nós queremos que haxa máis médicos de familia formados en España para poder contratalos desde a sanidade pública, rematou a deputada pontevedresa, Ana Pastor.