O PP defende na Deputación a retirada do recurso do Goberno contra á Lei do Litoral para protexer 1.762 edificacións da provincia
Mércores, 26 de outubro de 2023.-
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra vai defender no seo da Deputación, no pleno ordinario de outubro fixado para mañá, a retirada inmediata do recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno de España contra a Lei de Ordenación do Litoral de Galicia co obxectivo de que poida entrar en vigor –no canto do actual regulamento estatal de Costas– e se poida protexer axeitadamente e outorgar seguridade xurídica a 1.762 edificacións da provincia de Pontevedra emprazadas na franxa de dominio público marítimo-terrestre.
Os populares veñen de presentar unha moción para que o Goberno central “cese nos seus ataques á costa galega” e permita o autogoberno na franxa litoral “ao igual que sucede noutras comunidades autónomas”, segundo explicaron os deputados provinciais María Ramallo, Javier Tourís, Marcos Guisasola e Roberto Carrero na presentación desta proposta.
O PP provincial lamentou que os socialistas “na súa política constante de discriminación e maltrato a Galicia, que afecta a todos os eidos, pretendan controlar o noso litoral desde Madrid co único obxectivo de eliminar toda actividade social e económica no mesmo a través de modificacións de concesións e reversión de titularidades de bens”.
Neste senso, lembraron que a Lei de Ordenación do Litoral de Galicia “é unha ferramenta fundamental, en primeiro lugar para que a nosa costa non estea rexida por un regulamento de Costas que é unha auténtica espada de Damocles para estas máis de 1.700 edificacións da provincia, e ademais para xestionar a franxa marítimo-terrestre coa responsabilidade que sempre demostrou Galicia para aunar a súa protección ambiental, os valores sociais, a sostibilidade e a potencialidade económica”.
Por todo elo, o PP provincial vai esixirlle ao Goberno de España que, ademais de retirar o seu recurso de inconstitucionalidade amparándose na “excusa” dunha modificación do Estatuto de Autonomía, se aveña a negociar os puntos necesarios da Lei de Ordenación do Litoral coa Xunta e deixe que entre en vigor “como a mellor normativa para coidar e preservar a costa galega”.
Finalmente, e para poñer en valor a importancia deste asunto, os deputados populares lembraron que a franxa de dominio público marítimo-terrestre da provincia de Pontevedra esténdese por 24 concellos, que ademais aglutinan ao 70% da poboación, e que na mesma hai, dentro desas 1.762 edificacións, 22 centros educativos, 92 instalacións deportivas, 7 prazas de abastos, 5 cámpings, decenas de empresas e outras instalacións públicas, privadas, dotacionais e residenciais. “Todos eses bens están en perigo, porque esa é a intención final do Goberno de España co actual regulamento de Costas, que pretende eliminar todo rastro de vestixio humano do noso litoral e por iso é fundamental que a lei galega sexa a que rixa o noso futuro”, concluiron.