O PP de Pontevedra salienta que todos os investimentos do Estado pendentes na provincia se executarían co 1% dos 450.000 M€ que Sánchez quere transferir a Cataluña
Pontevedra, 2 de outubro de 2023.
Os deputados pontevedreses do Partido Popular Ana Pastor, Irene Garrido e Pedro Puy e os senadores Pepa Pardo, Nidia Arévalo e José Crespo auguran máis adiamentos e incumprimentos nos investimentos do Goberno de España pendentes para a provincia, cifrados en 4.227 millóns de euros, polas transferencias que Pedro Sánchez e o Partido Socialista realizarán a Cataluña para garantirse unha nova investidura como presidente.
“A reelección de Pedro Sánchez vai ter un custe milmillonario a prol de Cataluña e iso vai supoñer que eses cartos detraeranse doutras comunidades e, principalmente, de Galicia e da provincia de Pontevedra porque foi o que nos amosou nestes cinco anos, caracterizados polo desleixo, abandono e discriminación da nosa terra en favor doutros territorios onde ten as súas preferencias e intereses”, lamentou Ana Pastor.
Os congresistas lembraron que, na actualidade, o Goberno de España ten pendentes de avanzar ou de executar máis de 90 proxectos en toda a provincia de Pontevedra cun orzamento estimado de 4.227 millóns de euros e alertaron de que as perspectivas pola nova investidura de Sánchez apuntan a que “van seguir paralizados e no esquecemento polos compromisos económicos, máis alá da lamentable e inxusta amnistía e do referendo, que vai adquirir con Cataluña para seguir catro anos máis na Moncloa”.
Para os deputados pontevedreses, o líder popular Alberto Núñez Feijóo presentou un proxecto moi atinado e acaído na súa sesión de investidura e demostrou que “sería e será o mellor presidente” para España e tamén para os intereses e as necesidades de Galicia e da provincia de Pontevedra “fronte a un Sánchez atado aos independentistas e o apoio da súa muleta do BNG, que está sumido na irrelevancia máis absoluta”.
Os tres representantes do PP da provincia no Congreso, que adiantaron a súa defensa absoluta e irrenunciable dos intereses de Pontevedra xunto cos tres compañeiros do Senado, alertaron de que a negociación económica de Sánchez con Cataluña, “xa ten un prezo de saída, que pasa pola condonación da súa débeda de 450.000 millóns de euros, unha cantidade estratosférica, xa que só co 1% da mesma poderían executarse todos os investimentos pendentes na provincia de Pontevedra”.
Neste senso, Pastor, Garrido, Puy, Pardo, Arévalo e Crespo incidiron en que estas infraestruturas e servizos que o Goberno de España ten sen acometer na nosa provincia “responden ás nosas necesidades, son compartidos por Alberto Núñez Feijóo e reclamados polo presidente da Xunta, polo que, ademais de solicitalos en sede parlamentaria, é preciso que os defendamos apoiando a consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda como garante de que Galicia sexa unha illa de estabilidade e de que se esixan as nosas necesidades en Madrid”.
Entre os proxectos pendentes do Goberno de España, figuran once grandes actuacións en Vigo, como a liña de Alta Tensión, o traslado da ETEA, a biblioteca, o Mercado de Teis, a autovía A-55, a avenida de Madrid, o soterramento da VG-20, os accesos ao Ifevi, a saída sur, o AVE por Cerdedo e a conexión ferroviaria de Bouzas; así como outros catro na cidade de Pontevedra, como son a autovía A-57, o nudo de bombeiros, a mellora da comisaría e o Arquivo Histórico-Provincial.
Ademais, no resto da provincia estase agardando pola mellora da N-120 no Condado e A Paradanta, a modernización da N-541 por Cerdedo-Cotobade e Forcarei, da N-640 polo norte provincial, da N-550 ao longo do eixo atlántico e da N-525 pola comarca do Deza, a remodelación e supresión de curvas na A-52 no Porriño e Mos, a construción das variantes da Estrada, Caldas e Pontecesures, os proxectos diversos en Redondela por case 7 millóns de euros, a rotonda do hospital, o cuartel da Guardia Civil e a rexeneración das praias Compostela e do Preguntoiro en Vilagarcía ou a fronte litoral da Guarda, por só citar algúns, e aos que habería que engadir a supresión de peaxes ou a dotación de máis trens para incrementar as frecuencias.