Ana Pastor pide unir o voto do cambio en Feijóo, “a única alternativa para deixar atrás o sanchismo”
21, xullo, 23.-
A cabeza de lista do PP de Pontevedra ao Congreso, pediu esta noite en Cangas unir o voto do cambio en Feijóo, porque é a única alternativa que o domingo permitirá deixar atrás cinco anos de sanchismo. “Temos unha oportunidade, é momento de apostar por un presidente galego que coñecemos ben, que fixo tanto e tan ben por Galicia e pola nosa provincia, e que trasladará esa boa xestión, esa estabilidade e ese compromiso a Madrid”.
Foi durante o mitin que se celebrou esta noite en Cangas, co que os populares pecharon unha campaña moi intensa a pé de rúa e no que participaron tamén a candidata ao Senado e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente local do partido, José Enrique Sotelo. “Os galegos recoñecemos a xestión de Feijóo con catro maiorías absolutas, e agora queremos que ese xeito de gobernar sexa o que se instale na Moncloa: con sentido do compromiso, con honradez, con responsabilidade, con seriedade e con sentidiño”, engadiu.
Pastor insistiu en que “é o momento de unir o voto de todas as persoas que ansiamos un cambio de rumbo” e recordou que en 2019 perdéronse moitos votos de centro dereita porque apostaron por partidos que, nesta provincia, non conseguiron ningún escano. “Eses votos perdidos do centro dereita contribuirán a que o sanchismo continúe catro anos máis, e non merecemos prolongar esa política de enganos e de datos falseados…”.
Con respecto á xestión socialista, criticou que “Sánchez non se entera da realidade do país que goberna, el contempla todo desde a distancia estratosférica do Falcon”, e referiuse a que “España é o país da UE con máis paro, temos unha débeda inasumible, as nosas familias teñen a menor renta dispoñible e a maior perda de poder adquisitivo polas políticas erróneas do Goberno, pola suba de impostos, a inflación… Máis de un millón e medio de familias non poden cubrir as súas necesidades esenciais básicas, 300.000 máis que un ano”.
A candidata ao Senado, Nidia Arévalo, asegurou que votar o domingo a Feijóo é “un valor seguro” para o Cangas e para o Morrazo: “un presidente que coñece cada recuncho de Galicia e cada camiño do voso concello, que lle dá a máxima importancia ao municipalismo, que sabe que España se constrúe en todas e cada unha das persoas de todos os pobos e aldeas, non só das cidades, e por iso vaivos dar a importancia que merecedes”.
Sinalou que o seu traballo como presidente da Xunta “é o mellor aval que garante como traballará como presidente do país, con lealdade, con eficacia, con rigor e con responsabilidade”. Así, asegurou que “en todas as maiorías Feijóo mellorou Galicia. Apostou polo sector produtivo, creou unha sanidade e educación de calidade e a súa xestión foi exemplo e referencia para o resto do país. Cambiou Galicia como cambiará España, con sentidiño”.