O PP sinala que o futuro do sector está en xogo e por iso é importante ter un presidente do Goberno “que naceu nunha zona gandeira e que sabe das prioridades da nosa terra”

18, xullo, 23.-

Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Pedro Puy e José Crespo salientaron esta tarde en Lalín que creen no rural e no sector agroalimentario, e por iso e porque coñecen os seus problemas, os retos aos que se enfrontan, pero tamén todo o seu potencial, comprometéronse a recoñecer o carácter estratéxico que o sector primario e a industria agroalimentaria teñen en España, nesta provincia e nesta comarca. “Xogámonos o futuro do noso sector, e teredes de lado sempre aos Gobernos do Partido Popular, tanto en Lalín, como en Pontevedra, en Santiago e en Madrid”, sinalou Crespo.

Foi durante un encontro sectorial con representantes do sector gandeiro do Deza, no que tamén participou o responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González. Os populares sinalaron que queren revisar a PAC, para mellorar a viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras, e dar incentivos fiscais a persoas e empresas que se instalen no mundo rural, para fixar e aumentar poboación.

O alcalde José Crespo salientou que “estamos nun momento crucial para o noso agro e, polo tanto, tamén para a nosa economía. Estamos inmersos nun proceso de cambio xeracional, incorporando a novos e xóvenes gandeiros que marcarán o futuro do noso sector primario”, e por iso dixo que é importante ser responsables con este momento de cambio e desde as administracións, desde a local ata a nacional, facer todo o posible para que sexa o máis positiva posible. “Está nacendo a nosa gandeiría do futuro, coa responsabilidade que elo implica. Unha gandeiríamáis profesional, responsabilizada coa contorna e con explotacións máis grandes e que xeran unha cantidade importante de emprego directo e indirecto”. Por iso, insistiron, en que será determinante ter no Goberno de España a un presidente galego quen está comprometido coa terra, “que durante viviu entre xente coma nós, que naceu nunha zona gandeira e  que sabe das prioridades da nosa terra.  Pedro Sánchez dificilmente pode entender o momento no que estades os gandeiros e as vosas necesidades porque nin coñece a zona”.

JOSÉ GONZÁLEZ: “O LEITE É UN DOS PIARES FUNDAMENTAIS DA NOSA ECONOMÍA, MANTENDO UN RURAL ACTIVO E CON REMUDA XERACIONAL

Pola súa banda, José González puxo en valor a vocación leiteira de Lalín, que se sitúa -con 291 explotacións e máis de 109 millóns de litros de produción anual- no posto número tres en toda Galicia, entre os 152 municipios existentes produtores de leite. Ademais, encabeza a lista de concellos con maior número de vacas.

O conselleiro salientou, neste sentido, que grazas a concellos como Lalín o leite é un dos piares fundamentais da nosa economía, mantendo un rural activo, con remuda xeracional e capaz de atraer os mozos e mozas que queren facer da gandaría o seu traballo e o seu modo de vida.

Tamén agradeceu o papel activo do Concello lalinense, adherido ao Convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Fegamp e a empresa pública Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Colaboracións coma estas, tal e como indicou José González, son fundamentais para protexer as persoas, os seus bens e os montes galegos e previr os incendios forestais.

González puxo de relevo a utilidade de procesos como as parcelarias para dinamizar o rural galego e, nesta liña, puxo en valor as tres zonas decretadas a finais do ano 2022 (Cristimil, Galegos e GoiásXaxán-A Veiga), que supoñen a reorganización de 3.455 hectáreas.