Ana Pastor: “Con Feijóo teremos no Goberno central un valedor privilexiado para seguir impulsando o noso desenvolvemento turístico”
18, xullo, 23.-
O Partido Popular mantivo esta mañá en Sanxenxo unha reunión de traballo con representantes do sector turístico, no que a número 1 pola provinciaao Congreso, Ana Pastor, asegurou que “con Feijóo teremos no Goberno central un valedor privilexiado para seguir impulsando o noso desenvolvemento turístico, porque comparte con nós a conciencia de turismo sostible e, ademais, coñece ben esta terra e as súas potencialidades”.
Nese acto sectorial, no que tamén participaron o candidato Pedro Puy, que ademais formou parte do equipo redactor do programa dos populares, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, Pastor recordou que “o turismo foi unha das principais razóns da recuperación tras a crise de 2008, e tras a pandemia é un factor clave para potenciar o incremento e a aceleración nesta nova loita por saír do bache”. Por iso, dixo que “é necesario ser conscientes de todo o que podemos facer aínda polo desenvolvemento deste ámbito tan estratéxico na nosa economía” e sinalou que debe abordarse desde a innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización. “En Galicia estamos moi concienciados con esa planificación turística sostible, co turismo con sentidiño, e Alberto Núñez Feijóo comparte ese compromiso sobre as potencialidades e retos do noso turismo”.
Pola contra, expuxo que baixo o Goberno de Pedro Sánchez, “o turismo padeceu problemas como o incremento de prezos e de costes, e unha falta de sensibilidade por parte da administración socialista, que non propuxo un plan específico para o turismo financiado con fondos europeos”.
Pola súa banda, Puy explicou que España é unha potencia mundial en turismo, cuxas cifras reflicte que é un sector fundamental para a economía, tamén nesta provincia, “e que aínda ten un enorme potencial de recuperación e superación”. Así, adiantou que algunhas das medidas que porán en marcha os populares si conseguen a confianza dos españois a partir do 23 de xullo son aprobar un pertepar ao sector turístico, xunto a un plan renove para que a hostalería poida adecuar, mellorar e modernizar as súas instalacións e equipamentos; reformular a estratexia de turismo sostible 2030 para incidir en maior medida a colaboración público-privada, mellorar a coordinación entre administracións e profundizar na dixitalización e intelixencia turística; desenvolver plans específico de desenvolvemento e promoción; posicionar España como referente mundial en destino de contribución medio ambiental; impulsar unha lei turística que sirva para impulsar o sector; ou promover a colaboración público-privada na formación en hostalería.
Por último, Telmo Martín subliñou que cada ano visitan Sanxenxo 1 millón de persoas aos que se lle teñen que dar servizos de calidade. “O gasto que fan cando están aquí xeran importantes ingresos ao Estado polo IVA, o IRPF e imposto de sociedades, sen embargo o diñeiro que recibe Sanxenxo do Estado non chega nin á décima parte deses ingresos. É un problema que afecta a todos os concellos de España que multiplicamos a poboación no verán”, engadiu. Por iso, confía en que “un Goberno de Feijóo busque unha solución que corrixa este desequilibrio”.