Ana Pastor pide unir o voto en Feijóo porque é o único que garante un Goberno para todos
17, xullo, 23.-
A número 1 ao Congreso, Ana Pastor, pediu hoxe o voto de todas as persoas que aínda non o decidiron ou que noutras eleccións votaron por outros partidos políticos, pero que teñen claro que a partir do domingo queren un cambio. “É fundamental a unidade para ter unha maioría suficiente e poder gobernar dependendo só dos cidadáns e para todos eles. O único voto claro para o cambio é o do Partido Popular. É a única papeleta que garante que a partir do domingo haxa un goberno forte, alonxado de extremos e que dea estabilidade”, sinalou.
Foi durante un mitin en Caldas de Reis, no que tamén participaron os candidatos ao Congreso, Pedro Puy e Sara Martínez, concelleira de Caldas. Os populares recordaron que o mellor aval para Feijóo é a súa traxectoria ao fronte do Goberno galego, que foi apoiada con catro maiorías absolutas da cidadanía “e agora volverá a demostralo como presidente do Goberno de todos os españois”, engadiu Pastor. Ademais, dixo que o popular representa “o mellor estilo de facer política”, que cualificou como “política á galega” e que consiste en “gobernar con responsabilidade, con profesionalidade, con entrega, diálogo, con ideas reformistas e construtivas pero, sobre todo, con palabra”.
Nestes días que quedan ata as eleccións, a populare pediu implicarse ao máximo: “todos os votos son necesarios para conseguir o cambio, porque cada abstención tamén é un voto para que continúe o sanchismo”.
Tamén Pedro Puy chamou a mobilizar o voto, “porque as cousas están mal no económico, no social e no institucional, e en Galicia e nesta provincia coñecemos ben a capacidade de Núñez Feijóo para resolver os problemas da cidadanía”. Durante a súa intervención, recordou que “fomos o país que máis tarde recuperou o PIB per cápita e, de toda Europa, no que as familias, tamén as pontevedresas, perderon máis poder adquisitivo e, polo tanto, no que teñen máis dificultade para afrontar a cesta da compra. Ademais, a isto súmase que hai un maior incremento da débeda e do déficit”.
Por iso, defendeu que “para que as cousas funcionen ten que haber un Goberno reformista e dialogante, non Gobernos que non informan, que menten e que toman decisións por decreto lei. E en Galicia coñecemos ben cal é a xestión de Núñez Feijóo, e por iso queremos un presidente galego que resolva e devolva a estabilidade, o rigor e o crecemento ao noso país”.
Por último, Sara Martínez dixo que “é o momento para que Caldas de Reis volva a contar para o Goberno central, e isto só ocorrerá cun Goberno de Núñez Feijóo, un presidente que coñece o noso concello e cales son as nosas demandas e preocupacións”, e referiuse a incumprimentos do Goberno de Sánchez con este concello, como coa variante Oeste, a mellora da seguridade viaria e ronda urbana de conexión da N-550 e N-640, a ampliación da casa cuartel da Garda Civil ou a construción da rotonda na N-550 en Outeiro-Bemil.